Novas

martes, 23 de novembro de 2021

Proposta de adxudicación para executar o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

O concelleiro de Contratación, Julián Reina, presidiu onte unha nova sesión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol. O edil lembrou que as obras comezarán antes de finalizar o ano e rematarán no verán de 2022


Proposta de adxudicación para executar o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol, na súa sesión de onte, propuxo para adxudicación a execución do arranxo das deficiencias da urbanización do Plan de Sectorización Cidade Xardín, no Vinculeiro, que saíu a licitación cun importe de 695.207,56 euros (IVE incluído). 


O concelleiro de Contratación e Urbanismo, Julián Reina, informou que a duración prevista da obra é de sete meses e a previsión do goberno local é comezar os traballos antes de finalizar este ano e rematar no verán de 2022. Trátase dunha intervención que “pechará un problema histórico que levan soportando os veciños da urbanización desde hai máis de dez anos”, dixo Reina. 

Entre as obras que recolle o proxecto están a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida, a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba. A actuación tamén contempla a execución da rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e a colocación de salva bordos metálicos para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñeranse os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza. 

O proxecto inclúe o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro, coa eliminación das malas herbas e a poda do arboradura, así como nova sinalización vertical e horizontal. Tamén se desenvolverán traballos de reparación na rede de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das arquetas de abastecemento e a substitución das tapas. Do mesmo xeito, levaranse a cabo todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. En canto á rexeneración de zonas verdes, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar