Novas

martes, 23 de novembro de 2021

O Concello aglomerará tres camiños en Marmancón e Covas

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que tamén se actuará na rúa Casquido, en Santa Mariña


O Concello de Ferrol continúa executando obras de reparación do firme tanto no rural como no centro urbano, tal e como indicou esta mañá a concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, quen anunciou que o seu departamento vén de adxudicar a execución do aglomerado e sinalización do Camiño do Castro, na parroquia de Marmancón, por un importe de 38.071,89 euros. O obxectivo do proxecto é “adecuar e mellorar o estado do firme” do viario e dotalo das infraestruturas acordes aos usos e densidades actuais do tráfico que soporta. O tramo de actuación é o que va desde a estrada de Mandiá ata que comeza o camiño de zahorra, un total de 530 metros cun ancho de calzada de 3,50 metros. As obras comezarán nas próximas datas e ademáis da nova pavimentación o proxecto tamén inclúe nova sinalización. 


Lamas tamén indicou que a Xunta de Goberno Local celebrada onte aprobou outras tres proxectos correspondentes á concellería de Obras e Servizos, dous na parroquia de Covas e outro no barrio de Santa Mariña. O primeiro é o de repavimentación do camiño C-4, que une o cruce do Vilar coa praia de Santa Comba, para mellorar tanto o firme existente como a súa sinalización e dotación de infraestruturas necesarias, entre elas gabias e canalizacións. O orzamento total é de 93.982,27 euros (IVE engadido). Dito camiño presenta unha lonxitude de 1.370 metros e un ancho medio de calzada de 5,25 metros pavimentados con zahorra. 

Tamén para Covas se aprobou o proxecto para aglomerar o camiño C-31 e C-31, actualmente de zahorra, cun orzamento total de 54.738,66 euros (IVE engadido). En total actuarase nunha superficie de 2.705 metros cadrados: 867 no C-31 e 1.838 no C31A. Ao rematar o aglomerado procederase á reposición da sinalización vertical e á execución da sinalización horizontal. 

Tamén no barrio de Santa Mariña 
A concelleira tamén anunciou que na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou o proxecto de aglomerado na rúa Casquido, que mellorará o firme e a sinalización do camiño e da confluencia cos viarios adxacentes, cun orzamento total de 77.642,86 euros (IVE engadido). Actuarase en catro tramos que suman máis de 400 metros de lonxitude.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar