Novas

domingo, 21 de novembro de 2021

María Rivas resalta en Ferrol a importancia das axudas estatais para modernizar e dixitalizar a administración local

O Concello de Ferrol dispón de 243.890 euros para subvencionar proxectos e iniciativas incluíndo aqueles iniciados dende febreiro de 2020


María Rivas resalta en Ferrol a importancia das axudas estatais para modernizar e dixitalizar a administración local

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, avanzou esta semana en Ferrol as principais características da primeira das convocatorias de modernización e dixitalización das administracións locais dentro do Plan Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Acompañado polo alcalde de Ferrol, Ángel Mato, detallou as liñas xerais desta convocatoria do Ministerio de Política Territorial, publicada xa no Boletín Oficial do Estado. 

María Rivas trasladouse ás oficinas de Rexistro do Concello de Ferrol, para anunciar que as sete cidades galegas dispoñen de 3,7 millóns de euros desta convocatoria, que se dirixe a municipios con máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia. Avanzou que haberá dúas novas convocatorias ás que poderán optar o resto de entidades locais ata esgotar os 391,4 millóns de euros que o Ministerio de Política Territorial dedicará a esta liña de investimento.

Esta primeira orde conta cun orzamento total de 97,2 millóns de euros que o Ministerio de Política Territorial distribuíu entre as entidades beneficiarias para garantir a cohesión no reparto territorial dos fondos. En concreto, Ferrol disporá de 243.890,02 euros deste reparto. No resto de cidades, as contías son as seguintes: Vigo: 1.084.686,76 €; A Coruña: 921.112,64 €; Ourense: 393.002,95 €; Lugo: 366.500,93 €;  Santiago de Compostela: 364.004,74 €; e Pontevedra: 309.735,86 €.

A subdelegada do Goberno informou que o prazo de solicitudes remata o vindeiro 15 de decembro. Como dato importante, estas axudas poden concederse a proxectos que xa estean desenvolvendo as administracións locais beneficiarias. O período de execución dos proxectos subvencionados abrangue dende o 1 de febreiro de 2020 ata 31 de decembro de 2022.

Obxectivos e actuacións subvencionables
María Rivas insistiu en que estes fondos supoñen unha boa oportunidade para que as cidades galegas melloren e modernicen a súa organización coa incorporación de tecnoloxías da información, dixitalización dos procedementos administrativos e adaptación da súa xestión a medios dixitais.

Entre as actuacións subvencionables, hai algunhas que se consideran prioritarias e que son:

- Posta en marcha dun centro de operacións de  ciberseguridade (de execución obrigatoria).
- Unha administración orientada ao cidadán, desenvolvendo os tres servizos máis utilizados en modo aplicación móbil ou a través dunha interface adaptable integrada no Cartafol Cidadán da AGE. 
- Operacións Intelixentes. Posta en marcha dun proxecto para automatizar procesos de prestación de servizos ao cidadán. 
- Desenvolvemento ou adaptación de servizos exentos de barreiras transfronteirizas para cidadáns e empresas europeas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar