Novas

xoves, 18 de novembro de 2021

O Concello activa a campaña ‘Mans que salvan vidas’ para formar en primeiros auxilios á poboación en xeral

O concelleiro de Sanidade e Seguridade, Germán Costoya, presentou esta mañá a iniciativa, que se desenvolverá en colaboración coa Agrupación de Protección Civil de Ferrol. Está dirixida a colexios de infantil e primaria, institutos de secundaria e bacharelato, profesorado, asociacións de veciños e clubs deportivos, entre outros colectivos, que xa poden inscribirse no número 981 32 00 00 ou completar o formulario en https://forms.gle/drxaAj3sjjXuRNm68


O Concello activa a campaña ‘Mans que salvan vidas’ para formar en primeiros auxilios á poboación en xeral

O Concello de Ferrol vén de activar a campaña ‘Mans que salvan vidas’ para formar en primeiros auxilios á poboación en xeral. O concelleiro de Sanidade e Seguridade, Germán Costoya, presentou esta mañá a iniciativa, que se desenvolverá en colaboración cos Voluntarios de Protección Civil de Ferrol. O edil estivo acompañado polo xefe da agrupación, Alejandro Santiago 


O edil indicou que a campaña está dirixida a colexios de infantil e primaria, institutos de secundaria e bacharelato, profesorado, asociacións de veciños e clubs deportivos, entre outros colectivos, que xa se poden inscribir no número de teléfono de Protección Civil: 981 32 00 00 ou completar o formulario en https://forms.gle/drxaAj3sjjXuRNm68
A campaña consta de catro módulos. O primeiro está dirixido a alumnos de primaria e de 1º e 2º da ESO, todos menores de 14 anos. Dura unha hora e media e abordarase o manexo de feridas e hemorraxias, o número de emerxencias Galicia, a limpeza e desinfección de feridas, queimaduras, alteración dos estados de consciencia, mordeduras e picaduras, técnicas de Reanimación Cardio Pulmonar (RCP), posicións básicas de recuperación e prácticas dos coñecementos adquiridos. 

O segundo, de dúas horas e media, é para alumnos de 3º e 4º da ESO e bacharelato e de Formación Profesional, todos de máis de 14 anos. Ademáis dos contidos do primeiro módulo aprenderán a actuar ante queimaduras, traumatismo e afogamentos; afrontar alteracións dos estados de consciencia, cadros de epilepsia, o manexo dunha persoa asmática ou con crise de ansiedade, técnicas de RCP e unha iniciación ao uso dos desfribriladores DESA. 

Para o colectivo de profesores deseñouse o terceiro módulo, neste caso de tres horas de duración nas que se dará formación, ademáis do anterior, para afrontar unha intoxicación por alcohol e drogas, alteracións no estado de consciencia, o manexo do soporte vital básico e uso do DESA e o procedemento de aplicación de medicación segundo o programa Alerta Escolar do 061. O cuarto e último módulo, de dúas horas, está dirixido a adultos de asociacións de veciños, clubs deportivos e outros colectivos, que recibirán formación xeral dos contidos dos módulos anteriores. 

Costoya agradeceu a “permanente colaboración de Protección Civil” e indicou que o fin da campaña “é que a poboación en xeral teña coñecementos en primeiros auxilios para poder salvar unha vida nunha situación complicada”. O xefe da agrupación indicou que, por exemplo, o primeiro minuto tras unha parada cardiorespiratoria é vital para poder sacar adiante a quen o sufre, e nese momento a actuación da primeira persoa que intervén é fundamental”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar