Novas

luns, 15 de novembro de 2021

O goberno local aproba o proxecto básico e de execución da primeira fase da reforma e subsanación de patoloxías no estadio da Malata

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que nas próximas datas se licitarán os traballos. O orzamento ascende a 624.998,77 euros


O goberno local aproba o proxecto básico e de execución da primeira fase da reforma e subsanación de patoloxías no estadio da Malata

O goberno local aprobou esta mañá na habitual sesión dos luns da Xunta de Goberno Local a primeira fase do proxecto básico e de execución da reforma e subsanación de patoloxías no estadio da Malata así como do correspondente estudo de seguridade e saúde, por un importe de 624.998,77 euros (con impostos). 


O voceiro do goberno local, Julián Reina, destacou que algunhas das actuacións son repoñer a rede de cámaras de vixilancia, a demolición de pavimento de beirarrúa para colocar hidrantes exteriores, o recheo estrutural mediante árido reciclado de formigón compactado, a reposición de chapas de cuberta, a colocación de novos portóns de acceso exteriores, que serán de aceiro galvanizado, e portas abatibles de chapa de aceiro con equipo de automatismo para apertura e peche automático e mecanismo de apertura manual mediante barra, a revisión completa da carpintería da fachada e a reposición de elementos deteriorados e reforzo das ancoraxes e fixacións e a realización de nova tabicaría de fábrica de ladrillo. En canto á carpintería interior, revisarase e renovaranse os elementos deteriorados, o pavimento interior será a base de pulido mecánico en obra de superficie de formigón endurecido e renovaranse os acabados. Tamén se asegurarán os elementos prefabricados de formigón con escuadras de aceiro e renovaranse as instalacións de fontanería e saneamento, de electricidade, contra incendios e de megafonía, entre outras actuacións. O voceiro, que apuntou que está previsto que nas próximas datas se inicie o proceso de licitación dos traballos, indicou que esta primeira fase abordarán as “obras de reforma máis urxentes”. 

Na Xunta de Goberno Local tamén se aprobou a modificación do Plan Estratéxico de Subvencións 2021-2023 referente á liña estratéxica de normalización lingüística para incluír a convocatoria do Certame Literario Carmela Loureiro, de carácter anual. Reina indicou que as axudas van dirixidas ao alumnado dos centros de ensino non universitario de Ferrol e daqueles centros da comarca que forman parte da CENL. Entre os obxectivos do certame están cumprir co plan municipal de normalización lingüística aprobado polo pleno, fomentar o emprego da lingua galega entre a mocidade e aumentar a súa participación nas actividades culturais e literarias.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar