Novas

venres, 12 de novembro de 2021

O Concello e o Colexio de Arquitectos colaborarán para reducir os prazos na concesión de licencias de Urbanismo

O concelleiro da área, Julián Reina, mantivo unha reunión con representantes da entidade na que acordaron que o Concello de Ferrol vaise incorporar á interoperabilidade co COAG a través de plataforma “pasaxe” coa finalidade de “axilizar os trámites e evitar a reiteración de requerimentos”


O Concello e o Colexio de Arquitectos colaborarán para reducir os prazos na concesión de licencias de Urbanismo

 O Concello de Ferrol vai colaborar co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia co fin de axilizar os trámites ao cidadán na súa solicitude de licencias urbanísticas. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo hai uns días unha reunión con representantes da delegación de Ferrol da entidade na que acordaron que a Administración local se incorporará á interoperabilidade a través da plataforma “pasaxe”. Deste xeito, consignando o código de expediente ou de traballos do COAG na tramitación da licencia ou doutras autorizacións administrativas, o Concello accederá á documentación técnica correspondente para incorporala á tramitación municipal. Deste modo, “poderemos axilizar os trámites, evitar fraude, confusión coa documentación e a reiteración de requerimentos”, apuntou o concelleiro. 


Con este traballo conxunto entre o Concello de Ferrol e o Colexio “buscamos unificar criterios e reducir os prazos na tramitación de licencias” ao tempo que “optimizar a comunicación entre a Administración local e o cidadán”. 

Durante a reunión tamén se estableceron pautas para reducir a periodicidade da celebración das comisións do plan especial para que teñan lugar cada dous meses, o primeiro venres do mes que corresponda co fin de “conseguir o correcto funcionamento e preparación das mesmas”. A primeira xa se celebrou e a próxima terá lugar o 13 de xaneiro. Nesta liña tamén “traballaremos para que a documentación se presente 15 días antes da convocatoria do comisión”, indicou Reina.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar