Novas

xoves, 11 de novembro de 2021

O alcalde destaca o “alto nivel” do “talento empresarial” de Ferrol e resalta o “apoio do Concello para facilitar o emprendemento”

Ángel Mato presentou esta mañá a sétima edición do Premio Xove Empresario de Ferrolterra, cuxa gala terá lugar o día 26, ás 19 horas, na Sala Cureñas do Castelo de San Felipe. O rexedor estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, e o presidente da Asociación de AJE Ferrolterra, Luis González Rey


O alcalde destaca o “alto nivel” do “talento empresarial” de Ferrol e resalta o “apoio do Concello para facilitar o emprendemento”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá a sétima edición do Premio Xove Empresario de Ferrolterra, un certame que busca “recoñecer a labor dos empresarios que co seu esforzo contribúen a xerar riqueza e emprego ao tempo que representa un apoio fundamental aos novos emprendedores que comezan a súa andaina empresarial na nosa comarca”, apuntou o rexedor. Mato estivo acompañado pola concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, e o presidente da Asociación de AJE Ferrolterra, Luis González Rey. 


O alcalde destacou o “alto nivel do talento empresarial de Ferrol” e insistiu no apoio por parte do Concello á hora de “facilitar o emprendemento” como medio para “xerar novos postos de traballo e aproveitar todo o potencial da comarca”. É necesario, dixo, “remar no mesmo sentido para axudar aos mozos que queren emprender, máis aínda nesta etapa na que xuntos temos que avanzar cara á recuperación da actividade despois dos meses tan complicados que viviu o sector por mor da pandemia”. 

Mato anunciou que este ano, como novidade, a gala de entrega de premios terá lugar “nun dos nosos recursos turísticos máis importantes por representar a xoia do noso patrimonio histórico, o Castelo de San Felipe”, na Sala Cureñas. A cita será o 26 de novembro, ás 19 horas. 

Por último, o alcalde agradeceu a AJE o “importante e activo labor” que desde hai anos esta a desenvolver “acompañando aos novos emprendedores e dando visibilidade ás novas propostas empresarias”. 

A concelleira insistiu en que apoiar o emprendemento “é fundamental para que os novos empresarios despeguen co respaldo de profesionais con experiencia” e lembrou que “emprender sempre é duro pero moi ilusionante, creativo e bonito”.


Prazo aberto para catro categorías 
González Rey anunciou que o prazo para participar remata ás 23.59 horas do día 22 de novembro, a través do correo: info@ajeferrolterra.org. Este ano haberá catro categorías: O Premio Joven Empresario 2021 e o Premio Iniciativa Emprendedora 2021 estarán dotados dun MBA en dirección xeral. Tamén haberá un accésit á innovación e outro á responsabilidade social empresarial. Rey destacou o “tesón e o valor dos emprendedores” da comarca e sinalou á súa “capacidade para reinventarse” ante as novas situacións. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar