Novas

xoves, 11 de novembro de 2021

Comeza a instalación das novas luces da rúa Magdalena, unha actuación cofinanciada polo Feder

A obra, contratada por 251.864 euros, desenvólvese ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Eintegrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”


Esta semana deu comezo na rúa Magdalena a substitución das actuais luces baseadas en tecnoloxías obsoletas de vapor de sodio por unhas novas de tecnoloxía LED. En total substituiranse 41 puntos de luz que permitirán conseguir unha instalación de iluminación pública coa cualificación enerxética máis eficiente, cumprindo ademais os niveis máximos de luminancia e de uniformidade mínima permitida en zonas urbanas residenciais, e reducindo a contaminación lumínica. 


Segundo o tramo, as luces en catenaria serán en cor gris forxa e quedarán suspendidas cunha ancoraxe formada por un balancín e un eixe de suspensión mecanizados en aceiro inoxidable. As luminarias colocadas mediante brazos fixados á parede terán unha estética similar en canto á cor e o material empregado. 

Trátase dunha intervención cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O contrato foi adxudicado por 251.864 euros (IVE incluído) e o financiamento corresponde nun 80 % aos fondos europeos e nun 20 ao Concello. 

Esta actuación inclúe a renovación e mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública da rúa Magdalena, entre San Diego e Rubalcava, e a contorna da praza de Armas (a rúa Terra, entre Magdalena e María; a rúa Rubalcava, entre Magdalena e María, e a rúa Real, entre Terra e Rubalcava). 

Elimínanse os cruces aéreos das vías por onde pasa a instalación, proxectando cruces subterráneos. Tamén se reunifican e cámbianse de situación os centros de mando existentes nun único cadro de iluminación pública. Ademais, redistribúense os puntos de luz nalgunha das rúas do ámbito de actuación e substitúense as luces actuais por outras de tecnoloxía LED. 

Grazas á Unión Europea e as súas políticas de cohesión, a iluminación pública do barrio da Magdalena gañará en eficiencia, aforro enerxético e calidade medioambiental urbana. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar