Novas

mércores, 10 de novembro de 2021

Máis de 700 escolares participarán nas visitas ao Mercado da Magdalena nunha iniciativa conxunta entre o Concello e Kibus

O edil de Mercados, Germán Costoya, participou esta mañá na primeira, na que alumnos de primaria do ceip A Laxe recibiron unha charla sobre alimentación saudable e percorreron varios postos para coñecer aos traballadores e o produto local. O prazo permanece aberto e os colexios interesados poden inscribirse no correo electrónico hola@kibus.online ou chamar ao número de teléfono 646 77 17 78


Máis de 700 escolares participarán nas visitas ao Mercado da Magdalena nunha iniciativa conxunta entre o Concello e Kibus

O Concello de Ferrol e Kibus puxeron en marcha esta mesma mañá as visitas escolares ao mercado municipal da Magdalena para que os menores da cidade coñezan en primeira persoa a vida dos mercados de abastos, o comercio de proximidade, os produtos locais e de tempada e os hábitos de alimentación saudable. 


O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, anunciou esta mañá que polo momento xa hai inscritos máis de 700 alumnos de primaria de unha ducia de centros educativos. O prazo de inscrición permanece aberto e os colexios interesados en participar poden reservar futuras datas en hola@kibus.online ou chamar ao número de teléfono 646 77 17 78. As primeiras visitas desenvolveranse nos meses de novembro e decembro os mércores e xoves en dúas quendas de hora e media, ás 10 e ás 11.30 horas, aínda que o programa está aberto ao resto do curso escolar. 

Os primeiros en participar neste iniciativa foron preto de 40 alumnos do ceip A Laxe, que esta mañá recibiron unha amena charla sobre nutrición saudable e percorreron varios postos do mercado e da peixería para coñecer aos traballadores e os produtos locais. Costoya lembrou que a iniciativa é froito da colaboración entre o Concello de Ferrol e Kibus co fin de concienciar desde idades temperás no consumo responsable, o desenvolvemento do comercio local e, en concreto, os mercados locais de abastos, promover unha alimentación saudable e o respecto co medio ambiente. Tamén se pretende dar visibilidade aos traballadores dos mercados de abastos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar