Novas

martes, 09 de novembro de 2021

O Concello promove entre os escolares de Ferrol o coñecemento do patrimonio de Rodolfo Ucha a través dun Concurso Infantil de Debuxo con motivo do Día do Neno e da Nena

A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e o de Cultura e Educación, Antonio Golpe, presentaron esta mañá o certame, dirixido ao alumnado de 6º de Primaria. Os debuxos poderán estar coloreado ou non e a temática deberá estar vencellada aos edificios, públicos ou privados, do arquitecto ferrolán de calquera das súas etapas profesionais. Os traballos serán entregados polos centros escolares no Rexistro Municipal do Concello entre o 10 e o 18 de novembro e o acto de entrega de premios será o 23 no Teatro Jofre


O Concello promove entre os escolares de Ferrol o coñecemento do patrimonio de Rodolfo Ucha a través dun Concurso Infantil de Debuxo con motivo do Día do Neno e da Nena

O Concello de Ferrol convoca a primeira edición do Concurso Infantil de Debuxo con motivo da conmemoración do Día do Neno e da Nena, que se celebra o 20 de novembro, e o Día das Cidades Educadoras, o día 30, e coincidindo tamén coa celebración este ano do 40 aniversario do falecemento en Ferrol de Rodolfo Ucha e o próximo do 140 aniversario do seu nacemento en Vigo, tal e como anunciaron esta mañá a concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e o de Cultura e Educación, Antonio Golpe. 


O certame está dirixido ao alumnado de sexto de Primaria da cidade. Con este concurso preténdese “dar a coñecer entre a infancia ferrolá unha parte fundamental do patrimonio histórico de Ferrol así como facer aos nenos e nenas da cidade participes da actividade municipal, neste caso vencellada á cultura, ao urbanismo e ao patrimonio histórico local”, explicou a concelleira. 

O debuxo poderá estar coloreado ou non e a temática deberá estar vencellada aos edificios, públicos ou privados, de Rodolfo Ucha e pertencentes a calquera das súas etapas profesionais localizados no municipio de Ferrol. O formato dos debuxos será tamaño folio ou DIN-A4 e deberán levar os datos do menor (nome, apelidos, idade, curso e centro escolar) na parte traseira. Os debuxos serán entregados polos centros escolares no Rexistro Municipal do Concello entre os días 10 e 18 de novembro de 2021. O fallo do xurado darase a coñecer o día 23 de novembro, data na que tamén se procederá á entrega de premios aos gañadores do concurso nun acto que terá lugar no Teatro Jofre.

Visita pola ruta modernista para a clase gañadora e exposición dos traballos 
A concelleira explicou que haberá un diploma para os 25 alumnos seleccionados polo xurado e cinco lotes de libros para os mellores debuxos. Ademais, a clase do participante gañador do primeiro premio será agasallada cunha visita guiada pola Ruta Modernista, recentemente actualizada e renovada polo Concello. Os 25 debuxos seleccionados expoñeranse o día 23 de novembro na sala de andar do primeiro piso do Teatro Jofre.

A filla de Ucha e profesores de Belas Artes, membros do xurado 
O xurado, presidido pola concelleira Martínez Montero, estará formado polo concelleiro Antonio Golpe, a filla do arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, Lucila Ucha; o profesor de Bellas Artes do IES Concepción Arenal, Manuel Amable; o profesor de Artes Gráficas do CIFP Leixa, José Antonio López; e o arquitecto municipal do Concello de Ferrol, Felipe Cotovad. 

Golpe indicou que coa celebración deste certame “buscamos poñer en valor a obra de Ucha e o patrimonio da nosa cidade ao tempo que involucrar aos menores”. Pola súa banda, Martínez Montero apuntou que a primeira edición deste certame forma parte das numerosas actividades que está a desenvolver o Concello de Ferrol arredor da figura do arquitecto ferrolá con motivo dos aniversarios do seu nacemento e falecemento. Neste caso, dixo, “queremos facer partícipes tamén aos nosos escolares a través do debuxo, que coñezan o patrimonio da súa cidade e que nós descubramos como perciben eles a obra de Ucha”.







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar