Novas

venres, 05 de novembro de 2021

O Concello rematará a reparación total do parque infantil do Cantón a principios de decembro

A edil de Obras e Servizos, Ana Lamas, visitou os traballos que se están a desenvolver no xogo, como a ampliación e substitución completa do solo por outro novo de caucho continuo e a renovación de preto do 60% das pezas. A concelleira tamén acudiu aos traballos de reparación que se están a desenvolver esta semana en beirarrúas da rúa Coruña


O Concello rematará a reparación total do parque infantil do Cantón a principios de decembro

O Concello de Ferrol vai rematar a renovación total do parque infantil do Cantón a principios de decembro, coincidindo co ponte da Constitución, unha vez rematen os traballos de reparación total do xogo, que inclúen a substitución de preto do 60 % das pezas do elemento e a reparación do resto. 


A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, acompañada por técnicos municipais, visitou onte a evolución da intervención e lembrou que inclúe a substitución completa do solo por outro novo de caucho continuo e preto de 20 metros cadrados máis amplo, a instalación de novas redes para trepar e o pintado e vernizado das pezas que se atopan en bo estado. A edil anunciou que ademáis do barco, o parque contará con outros dos pequenos xogos e substituirase o panel informativo. Trátase dun parque “moi apreciado e ligado ao Cantón”, dixo, polo que “a nosa prioridade foi reparalo por completo”. 

Traballos de reparación nas beirarrúas da rúa Coruña 
A concelleira tamén visitou as obras de reparación que o Concello está a desenvolver esta semana nas beirarrúas da rúa Coruña, no tramo comprendido entre Sol e María, como parte do plan de traballo do servizo de mantemento de infraestruturas viarias da Administración local, o cal rematou recentemente reparacións no pavimento da rúa Rubalcava, entre outras actuacións. Está previsto que aborde progresivamente diferentes actuacións en varios puntos da cidade. 

Segundo explicou Lamas, este servizo sirve para dotar ao Concello dunha nova ferramenta que se suma aos medios propios dos que dispón o seu departamento, o que implica un notable aumento da capacidade en materia de mantemento. O contrato adxudicouse en agosto por un importe de 1,8 millóns de euros e contempla unha duración de dous anos prorrogables por dous máis. Entre as funcións da empresa adxudicataria encóntranse traballos de reparación e reposición de pavimentos de rúas, estradas e beirarrúas así como doutros elementos da vía pública, entre os que se contan, en determinados casos, mobiliario, sinalización ou canalizacións.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar