Novas

mércores, 03 de novembro de 2021

O Concello abre o prazo de inscrición para as primeiras materias da nova ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, que aborda o uso seguro das novas tecnoloxías

A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, anunciou esta mañá que o prazo para ‘Constitución dunha asociación. Xestións e trámites online coa administración’ remata o día 10 e para ‘Sistemas de videoconferencia’, o 12 de novembro. Lembrou que se trata dunha iniciativa de balde que busca poñer a disposición dos veciños “unha plataforma a través da cal formarse en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus riscos”


O Concello de Ferrol vén de abrir o prazo de inscrición para as dúas primeiras materias das seis que inclúe a nova ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, unha iniciativa municipal de balde aberta á poboación en xeral con formación sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. Todas as materias seguirán un modelo mixto, é dicir, os primeiros e últimos días haberá unha reunión presencial e o resto do ciclo será telemático. 


A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, informou esta mañá que o próximo 12 de novembro dará comezo a primeira formación titulada ‘Constitución dunha asociación. Xestións e trámites online coa administración’, que contará con dúas edicións, a primeira entre o 12 e o 19 de novembro na Biblioteca municipal de Praza de España e a segunda entre os días 11 e 18 de febreiro no local social de Santa Comba de Covas. Haberá 15 prazas por edición e o prazo de inscrición remata o día 10 de novembro (incluído). Neste caso abordaranse os pasos e modelos para constituír unha asociación e a tramitación electrónica, entre outros asuntos. O modelo de inscrición pode atoparse no enlace https://ferrol.gal/arquivos/documentos/participacion/aulaaberta/SOLICITUDE_ACTIVIDADE_1_CONSTITUCI%C3%93N_ASOCIACI %C3%93N.pdf.
A segunda formación, ‘Sistemas de videoconferencia’, tamén contará con dúas edicións, entre os días 16 e 23 de novembro e do 11 ata o 18 de xaneiro. As reunións presenciais terán lugar no salón de actos do Antigo Hospicio (rúa Méndez Núñez, 11) e no local social de San Salvador de Serantes, respectivamente. O último día de inscrición será o 12 de novembro (incluído). O formulario pode atoparse no Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace https://ferrol.gal/arquivos/documentos/participacion/aula-aberta/SOLICITUDE_ACTIV IDADE_2_SISTEMAS_VIDEOCONFERENCIA.pdf. Neste caso, explicou Lamas, abordarase a actual importancia das videoconferencias, as principais aplicacións, métodos para xerar contidos en directo ou gravados, a preparación dun streaming ou a forma de gardar os contidos para a súa posterior visualización. 

A concelleira lembrou que o prazo de inscrición para as catro formacións restantes abrirase nas próximas datas. A ‘Aula Aberta de Formación Cidadá’, dixo, é unha “interesante iniciativa, a primeira destas características en Ferrol, que busca poñer a disposición dos veciños unha plataforma a través da cal formarse en asuntos de actualidade, como son as novas tecnoloxías e os seus riscos”, e incidiu na importancia de que se desenvolvan en distintos puntos do municipio “para así achegar a Aula a todos os veciños da cidade e darlles a oportunidade de participar”. Lamas apuntou que no contexto actual “é cada vez máis necesario ofrecer á cidadanía ferramentas e recursos que lles permitan afrontar os novos retos tecnolóxicos con seguridade” e engadiu que desde as institucións “debemos prover este servizo para que a poboación perda o medo a relacionarse dun xeito dixital”.

As materias restantes son ‘Uso de smartphone e alfabetización dixital’; ‘Ciberseguridade para persoas usuarias’; ‘Uso de redes sociais dirixido a familias’ e, por último, ‘Uso de redes sociais dirixido a menores (maiores de 10 anos)’. 

Os interesados poden atopar toda a información e os formularios de inscrición no Taboleiro de Anuncios do Concello (https://ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar