Novas

mércores, 03 de novembro de 2021

O Concello rematou en outubro traballos de poda nas estradas de Castela e Catabois e nos barrios da Magdalena, Ultramar e o Inferniño

A concelleira de Obras, Medio Ambiente e Servizos, Ana Lamas, deu conta esta mañá na comisión de área das intervencións levadas a cabo nas últimas datas


O Concello de Ferrol vén de rematar no pasado mes de outubro varios traballos de poda en diferentes puntos da cidade. A concelleira de Obras, Medio Ambiente e Servizos, Ana Lamas, deu conta esta mañá aos grupos municipais durante a comisión ordinaria de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación das intervencións desenvolvidas ao longo do pasado mes, que se centraron nas estradas de Castela e Catabois e en varias rúas dos barrios da Magdalena, o Inferniño e Ultramar. 


Na primeira quincena de mes executáronse labores de poda na estrada de Catabois —incluído o espazo destinado á zona de xogos—, na rúa Coruña e na de Atocha. Na segunda actuouse nas rúas Paraguai, Sánchez Calviño, Monasterio de Monfero, na contorna da igrexa das Angustias, na Praza do Carbón e no parque Albatros. Tamén na estrada de Castela, con labores de mantemento. 

A concelleira apuntou esta mañá que estas intervencións forman parte do plan anual de poda para a cidade, que contempla traballos ao longo de barrios como Recimil, o centro, Esteiro, os ensanches, Canido, Caranza, A Graña, Serantes ou A Cabana, entre outros. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar