Novas

martes, 02 de novembro de 2021

O goberno local e FeC acordan a celebración dun pleno extraordinario co fin de aprobar o préstamo para financiar os investimentos

O alcalde, Ángel Mato, e o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, anunciaron esta mañá a constitución dunha comisión de seguimento para abordar os avances nos proxectos consensuados por ambas formacións para o orzamento 2021


O goberno local e FeC acordan a celebración dun pleno extraordinario co fin de aprobar o préstamo para financiar os investimentos

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou esta mañá acompañado polo voceiro de FeC, Jorge Suárez, que esta semana terá lugar un pleno extraordinario co fin de aprobar o préstamo de 14.636.530,35 euros que dará respaldo a gran parte dos investimentos incluídos no orzamento 2021. A celebración desta sesión foi acordada despois de que na celebrada o pasado xoves non saíra adiante este punto tras a abstención do grupo municipal de Ferrol en Común. 


“Pola importancia que ten” e polo “ben da cidade”, apuntou Mato, o goberno local “non deixou pasar nin un día para resolver esta situación”. Co fin de mellorar a comunicación e o entendemento entre ambas formacións en torno aos proxectos pactados para o orzamento municipal do presente exercicio, goberno local e FeC tamén acordaron constituír unha comisión de seguimento que con carácter semanal abordará os avances en ditas actuacións. A primeira sesión terá lugar, previsiblemente, a próxima semana. O obxectivo, dixo o rexedor, é “non dilatar a contratación dos proxectos para a cidade”. 

Pola súa banda, Suárez anunciou o seu voto favorable ao préstamo na sesión extraordinaria e indicou que o seu grupo traballará “polo que nos une máis que polo que nos separa” e por manter o “bo clima” e o “entendemento do que gozamos” desde o inicio do mandato. O voceiro indicou tamén que “traballaremos por seguir debatendo sobre o modelo de cidade” e para avanzar nos orzamentos de cara ao próximo exercicio. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar