Novas

sábado, 25 de setembro de 2021

Comezan os traballos previos á reparación da avenida de Esteiro, que empezará a executarse nos vindeiros días

A concelleira de Servizos e Obras, Ana Lamas, supervisou onte a planificación acompañada pola dirección de obra, responsables da empresa adxudicataria e técnicos municipais. A edil explicou que, dependendo da formalización do replanteo e do tempo de preparación, a intervención podería poñerse en marcha a finais de semana ou durante a seguinte


Comezan os traballos previos á reparación da avenida de Esteiro, que empezará a executarse nos vindeiros días

O Concello de Ferrol vai poñer en marcha en próximas datas os traballos de reparación da avenida de Esteiro. Dependendo da data de formalización do replanteo e do tempo preciso para a preparación previa, esta actuación podería dar inicio entre finais da semana que comeza e a seguinte, segundo avanzou a concelleira de Servizos e Obras, Ana Lamas, tras reunirse sobre o terreo coa dirección de obra, responsables da empresa adxudicataria e técnicos municipais co fin de coñecer a planificación. Deste xeito, vanse cumprindo os prazos avanzados polo voceiro do goberno local, Julián Reina a mediados de mes tras a adxudicación do contrato. 


Esta intervención, aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 13 de setembro, está incluída no Plan de Obras e Servizos (Pos+Adicional 2020) da Deputación e conta cun importe total de 159.369,10 euros (con impostos). O prazo de execución é de dous meses, polo que estará rematada antes de que conclúa o ano. 

Avenida de Esteiro é unha das maiores arterias da cidade e soporta un intenso paso de vehículos, polo que, co paso do tempo, experimetou un importante deterioro. A aplicación dun novo aglomerado afecta a un tramo de preto dun quilómetro de lonxitude por cada sentido de circulación, o comprendido entre a glorieta do diapasón —que articula o tráfico entre Esteiro, Caranza e a Trincheira— e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera, así como as confluencias coas rúas adxacentes, cruces e rotondas. O proxecto contempla a renovación total do pavimento e a sinalización horizontal. Ademais da actuación sobre o firme dos carrís de circulación, que ten sete metros de ancho por cada sentido, o proxecto contempla tamén o aglomerado do espazo de estacionamento, de dous metros en cada lado. En total, renovaranse 22.300 metros cadrados.

Os traballos previos comezarán co fresado do trazado, que se dividirá en dous tramos. Por un lado, o comprendido polas zonas deterioradas da vía principal e as súas conexións coas vías adxacentes, onde se utilizará unha mestura bituminosa en quente para posteriormente estender o novo pavimento de rodadura. Por outro, o espazo reservado ao estacionamento, onde se utilizará un novo pavimento formado por unha mestura asfática en quente. Ademais, as tapas dos rexistros adaptaranse á cota final da calzada. Unha vez rematado o novo asfaltado, procederase ao pintado, incluíndo pasos de peóns, aparcamentos, estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, zonas de carga e descarga así como a sinalización principal das liñas da calzada, frechas e símbolos. 


 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar