Novas

sábado, 25 de setembro de 2021

O Concello celebra o Día Mundial do Turismo coa instalación das letras xigantes de Ferrol no Porto de Curuxeiras

O alcalde, Ángel Mato, visitou esta mañá os novos elementos acompañado polas concelleiras de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. O rexedor sinalou que supoñen “un atractivo turístico máis para as persoas que nos visitan” e indicou que a súa localización coincide co inicio do Camiño Inglés


O Concello celebra o Día Mundial do Turismo coa instalación das letras xigantes de Ferrol no Porto de Curuxeiras

O Concello de Ferrol celebra o Día Mundial do Turismo, que se conmemora o luns 27 de setembro, coa instalación dunhas letras xigantes co nome de Ferrol no Porto de Curuxeiras. Esta mañá o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, visitou os novos elementos, que no caso da letra F roza os 2,5 metros de alto e a O os 1,80 metros, onde ademáis se pode tomar asento. Son de cor branco menos a O, que é azul. 


O rexedor estivo acompañado polas concelleiras de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Matínez Montero. Mato apuntou que as novas letras se instalaron coincidindo co Día Mundial do Turismo e insistiu no “compromiso” do Concello “coa promoción da cidade desde o punto de vista turístico”. Tras conversar con varios turistas que se achegaron esta mañá a coñecer as letras xigantes, o alcalde sinalou que supoñen “un atractivo turístico máis para as persoa que nos visitan” e incidiu en que a súa localización coincide co inicio do Camiño Inglés, no barrio de Ferrol, Vello, onde o Concello está a acometer varias obras de urbanización. Esta mesma semana remataron os traballos na rúa Espartero. 

Pola súa banda, a concelleira de Turismo destacou o “relevante aumento” do número de visitantes á cidade este verán respecto ao de prepandemia, en 2019, e explicou que desde o Concello “estamos traballando na posta en valor de todo o potencial do que dispón esta cidade”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar