Novas

venres, 24 de setembro de 2021

O Concello contará a partir de outubro con 10 prazas máis no programa social Xantar na Casa, en total 55

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, solicitou en dúas ocasións ao goberno autonómico a necesidade de chegar a máis persoas ante o aumento de solicitudes nos últimos meses


O Concello contará a partir de outubro con 10 prazas máis no programa social Xantar na Casa, en total 55

O Concello de Ferrol vai sumar ao programa social ‘Xantar na Casa’ 10 prazas máis a partir do próximo mes de outubro, co que se alcanzarán as 55, despois de que a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, solicitara ao goberno autonómico en dous ocasións (en maio e en setembro) a necesidade “urxente” de aumentar o número de prazas ante o aumento de solicitudes nos últimos meses e advertir polo tanto do risco de xerar lista de espera nun servizo que cubre as necesidades básicas de alimentación de persoas maiores ou dependentes da cidade que requiren axuda para a preparación da comida —ben por ter limitada a súa autonomía persoal, por carecer de apoios familiares ou por estar en exclusión social— proporcionándolles unha atención adaptada as súas necesidades. O actual convenio entre o Concello e a consellería de Política Social, e tras a súa ampliación o pasado verán, contempla 45 prazas (fronte ás 15 iniciais), “unha cifra actualmente insuficiente”, puntualizou a concelleira. Das 45 actuais, dúas están destinadas a situacións de emerxencia. 


A concelleira fixo balance da xestión do goberno local en canto á prestación de servizos sociais e lembrou que “saldamos ao pouco tempo de chegar ao goberno unha débeda de 570.000 euros co Consorcio Galego de Benestar, foi unha das nosas prioridades”, e neste tempo “imos establecido un convenio para o programa ‘Xantar na Casa’ que comezou con 15 prazas e que vai alcanzar nuns días 55”. É unha “satisfacción ir dando pasos que supoñen melloras tan importantes na calidade de vida dos nosos veciños”, e lembrou que Ferrol “é unha cidade tremendamente envellecida á que se suman máis circunstancias aínda complicadas no eido da pandemia”. O fin do goberno local “é coidar aos nosos veciños máis vulnerables” e indicou que o programa ‘Xantar na Casa’ “contribúe a atrasar ou evitar o ingreso nun centro residencial”. 

Trátase dun plan cofinanciado polo Consorcio de Benestar Social, o Concello e o usuario aínda que no caso de que o beneficiario se atope nunha situación de necesidade o Concello de Ferrol asumiría a súa parte. A edil quixo agradecer a “colaboración e a actitude receptiva” do goberno autonómico á hora de promover o programa na cidade.

Proporcionar alimentación equilibrada os sete días da semana 
O programa ‘Xantar na Casa’ garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana con menús completos, equilibrados, variados e adaptados ás necesidades, gustos e hábitos dos usuarios. Ademais, están supervisados por especialistas en nutrición. O programa permite, entre outras cousas, proporcionar unha alimentación nutritiva atendendo os casos de xeito individualizado, evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores ou dependentes, evitar situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida, supón un apoio á conciliación familiar e permite facer un seguimento e acompañamento individualizado de cada usuario.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar