Novas

xoves, 23 de setembro de 2021

O Concello celebrará ata final de ano o Día das Persoas de Idade cunha batería de propostas recollidas no programa ‘Andanzas Naturais’ dirixido a maiores de 60 anos

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta esta mañá na comisión informativa de área das actividades, que inclúen unha visita ao Museo de Historia Natural, á lagoa de Doniños, a ruta Muiños de Esmelle, unha visita á estación de bombeo e a depuradora, ás praias de Sartaña e Ponzos e á enseada da Malata. As actividades son de balde e xa está aberto o prazo de inscrición no correo elopezl@ferrol.es ou no número 981 94 42 35


O Concello de Ferrol vai celebrar o Día das Persoas de Idade, que se conmemora cada 1 de outubro, coa posta en marcha do programa ‘Andanzas Naturais’, que inclúe unha batería de actividades de balde dirixidas a persoas maiores de 60 anos, tal e como deu conta esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, aos grupos municipais durante a comisión ordinaria de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico. 


O programa “busca promover entre as persoas maiores unha serie de propostas para tonificar o corpo ao tempo que coñecen o seu patrimonio natural”, explicou a edil, quen anunciou que o prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico elopezl@ferrol.es ou no número de teléfono 981 94 42 35. 

A primeira actividade terá lugar o mesmo día 1 de outubro e consiste nunha visita ao Museo de Historia Natural, na praza de Canido, e a celebración dun obradoiro explicativo sobre residuos, o seu orixe, destino e as consecuencias da súa mala xestión. Neste caso ofértanse 30 prazas (para o resto serán 20). O prazo de inscrición para esta primeira actividade remata o mércores 29. 

O programa ‘Andanzas Naturais’ oferta para o día 22 outra saída, neste caso á lagoa de Doniños e o 29 celebrarase a ruta Muiños de Esmelle. Xa en outubro, o día 5, percorrerase a enseada da Malata, o 19 a contorna da estación de bombeo e a depuradora e o 3 de decembro as praias de Sartaña e Ponzos. 

Entre os asuntos que abordarán durante as actividades están a evolución e modificación das paisaxes, os enclaves e lugares de interese que caracterizan á cidade e ao municipio de Ferrol, os xardíns históricos da urbe e doutras vilas veciñas e a conservación do medio e patrimonio natural. A concelleira lembrou os beneficios na saúde das persoas maiores da actividade física ao aire libre e da socialización “ao tempo que coñecen a nosa cidade”. 

Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta na comisión de hoxe da actividade que se levará a cabo en Ferrol o 19 de outubro con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama en colaboración coa AECC. No marco do convenio coa entidade, organizarase unha exposición fotográfica montada en seis estruturas en forma de cubo na Praza de Armas que “permitirá visibilizar a testemuña de once doentes oncolóxicas da nosa comarca”, explicou a edil, desde o 19 de outubro ata o 19 de novembro. Os 24 vinilos mostrarán a forma en que varias mulleres afrontaron a enfermidade como medio para coñecer as súas experiencias, retos e inquedanzas. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar