Novas

martes, 14 de setembro de 2021

O Concello recibe a nove touroperadores nacionais e internacionais que inician un Fam Trip para coñecer a cidade e crear paquetes turísticos con Ferrol como destino

A edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, deulles a benvida e explicoulles o obxectivo do MMIAH, iniciativa que remata en outubro e que persegue a posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial de 9 cidades atlánticas. A visita rematará o 17 de setembro e os participantes visitarán o Arsenal, o Museo Naval, o barrio da Magdalena, as baterías militares, as praias, as Meninas de Canido e o castelo de San Felipe, entre outros espazos da cidade e o seu entorno


O Concello recibe a nove touroperadores nacionais e internacionais que inician un Fam Trip para coñecer a cidade e crear paquetes turísticos con Ferrol como destino

O Concello de Ferrol vén de recibir esta mañá aos participantes do Fam Trip (viaxe de familiarización) dirixido a nove touroperadores nacionais e internacionais que estarán ata o venres en Ferrol para coñecer a cidade e, como resultado, crear paquetes turísticos con Ferrol como destino. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, recibiu esta mañá aos profesionais de turismo no Parador e explicoulles que o Fam Trip é o “gran evento co que desde o Concello vai rematar o proxecto europeo MMIAH”, liderado por Ferrol, e que busca poñer en valor o patrimonio marítimo, militar e industrial de nove cidades do borde litoral da área atlántica: Ferrol, Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda). 


Os touroperadores proceden das empresas Ambiance Travel (A Haia), especializado en percorridos individuais enfocados á oferta cultural, activa e culinaria dos destinos; II Mestiere di Viaggiare (Rieti), operador gañador do Premio Italiano de Turismo Responsable e do Premio de Turismo Cultural da Unesco, con especial interese polas vacacións de valores culturais e ambientais; The Way Tours (Oporto), que opera en Norteamérica, Australia e Inglaterra; Across PT (Lisboa), especializada en viaxes e eventos para mercados internacionais; Always Spain Incoming (Galicia), con mercados alemáns e austríacos; Arawac (Madrid), axencia especializada en sendeirismo e viaxes culturais; Veronia Tours (Salamanca), operador especializado en turismo cultural e activo para alemáns, franceses e polacos, e dous touroperadores españois expertos no Camiño de Santiago. 

Ata o venres visitarán o Arsenal, o Museo Naval, o barrio da Magdalena e os seus edificios modernistas, as baterías militares, as praias, o Museo da Construcción Naval, as Meninas de Canido, percorrerán en lancha a ría ata chegar ao castelo de San Felipe e pasearán por Monteventoso e desde Prioriño ata Penencia, entre outras actividades. O fin, dixo a edil, “é que coñezan en profundidade a cidade, tanto a zona urbana como o rural, para que poidan vender aos seus clientes tanto Ferrol como o resto de cidades do MMIAH”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar