Novas

martes, 14 de setembro de 2021

Ferrol acolle desde mañá o I Festival Internacional de Música Clásica ‘Ferrol no Camiño’, que reunirá a intérpretes de varios países no Jofre ata o 30 de setembro

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou esta mañá no pazo municipal o ciclo, que está financiado polo o Concello de Ferrol e o Xacobeo co obxectivo de potenciar o atractivo turístico que supón o Camiño Inglés. As entradas, gratuítas, distribúense partir de hoxe no teatro, en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas de martes a venres, e sábados, domingos e festivos de función, de 11.00 a 13.00 e dende dúas horas e media antes do inicio do espectáculo


Ferrol acolle desde mañá o I Festival Internacional de Música Clásica ‘Ferrol no Camiño’, que reunirá a intérpretes de varios países no Jofre ata o 30 de setembro

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou esta mañá o I Festival Internacional de Música Clásica ‘Ferrol no Camiño’, que se celebrará no Teatro Jofre de Ferrol desde mañá, 15 de setembro, ata o día 30. Serán nove concertos de piano e música de cámara, todos ás 20 horas, que reunirán a intérpretes nacionais e internacionais co fin de potenciar o atractivo turístico cultural do Camiño Inglés, un percorrido ata Santiago que comeza en Ferrol. As entradas, de carácter gratuíto, poderanse retirar a partir desta tarde no despacho de billetes do Jofre. O horario é de 11.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas de martes a venres, mentres que sábados, domingos e festivos de función, abrirá de 11.00 a 13.00 dende dúas horas e media antes do inicio do espectáculo. 


O edil estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo, Celicia Pereira, entidade que xunto co Concello financia o evento. Tamén acudiu á presentación o director artístico da Asociación de Música Clásica de Galicia, Pablo Galdo, entidade organizadora do festival. Golpe explicou que ademais de para os veciños e turistas en xeral, o que se pretende “é que este novo festival que poñemos en marcha sexa un reclamo máis para os peregrinos que nos visitan cada ano, neste caso no eido cultural”, e lembrou que dos 11.400 turistas que chegaron a Ferrol este verán, máis de 4.700 eran peregrinos, e dos máis de 14.000 que acudiron ás oficinas de turismo no que vai de ano, 10.800 o fixeron interesados polo Camiño Inglés”. 

Os datos revelan, por tanto, “un crecemento notable na chegada de peregrinos que deciden iniciar o Camiño na nosa cidade, polo que desde o Concello queremos que a música, e neste caso a música clásica, sexa un motivo máis para vir a coñecer a cidade”. O Camiño Inglés “está cheo de riquezas, dixo, tanto arquitectónicas, históricas, de natureza como tamén culturais”, e a celebración deste festival “é outro impulso máis que desde o Concello queremos dar a este percorrido que comeza no porto de Curuxeiras”. Este evento, dixo, súmase a “moitas outras iniciativas que estamos a desenvolver co único fin de impulsar o Camiño Inglés, tamén desde o punto de vista gastronómico”. Neste punto o edil agradeceu á comisaria a “colaboración institucional para sacar adiante este proxecto”, unha colaboración, dixo, “fundamental para traballar por nosos veciños”.

Intérpretes de varios países Golpe anunciou que o Teatro Jofre contará con grandes intérpretes: Os pianistas Daniel Rivera, Daniel del Pino, Cyprien Katsaris, —quen formou parte do xurado da última edición do Concurso Internacional de Piano de Ferrol, que tivo lugar en maio, un evento que desde hai 32 anos organiza o Concello—, Aurelio Viribay, Juan Pérez Floristán, János Palojtay, José Enrique Bagaria, Pablo Galdo e Josu de Solaun, que pechará o festival o día 30. Tamén Asier Polo co cello, a soprano Raquel Lojendio, Dominika Ács coa frauta e Aitzol Iturriagagoitia ao violín. Todos eles “músicos de recoñecido prestixio a nivel internacional”, apuntou o concelleiro. 

Pola súa banda, a comisaria agradeceu ao Concello a colaboración para que o festival sexa unha realidade e destacou tanto o “crecemento” do número de peregrinos que inician o camiño en Ferrol como o “aumento do coñecemento” respecto ao Camiño Inglés. O evento “é unha axuda máis” para aumentar aínda máis o número de peregrinos que chegan á cidade. 

O pianista Pablo Galdo incidiu en que se trata “dun festival de gran calidade” e agradeceu tanto ao Concello de Ferrol como ao Xacobeo o “seu apoio á iniciativa” posto que “non sería posible sen a súa axuda” e indicou que o nivel no eido da oferta de música clásica en Ferrol “está a aumentar notablemente nos dous últimos anos grazas á aposta do Concello por eventos como este festival e tamén co Concurso Internacional de Piano de Ferrol”, polo que “agradezo ao concelleiro Antonio Golpe o seu incondicional apoio á música”.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar