Novas

martes, 14 de setembro de 2021

O Concello traslada de novo á Xunta a necesidade “urxente” de ampliar en ao menos 10 prazas o programa Xantar na Casa ante o aumento de solicitudes

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, lembrou que xa o solicitou o pasado mes de maio. O programa, financiado entre o Concello, a Xunta e o usuario, garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana con menús completos e equilibrados


O Concello traslada de novo á Xunta a necesidade “urxente” de ampliar en ao menos 10 prazas o programa Xantar na Casa ante o aumento de solicitudes

O Concello de Ferrol vén de solicitar de novo á Xunta unha ampliación do programa ‘Xantar na Casa’, en concreto 10 prazas máis, unha vez que o servizo está ao límite da súa capacidade e en risco de xerar lista de espera ante o elevado número de solicitudes, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. Na actualidade existen 45 prazas, das que dúas están destinadas a situacións de emerxencia. 


A edil lembrou que xa no pasado mes de maio instou á Xunta a ampliar o programa en 10 prazas máis. Agora, dixo, “é unha cuestión urxente, é necesario que Ferrol á maior brevidade posible conte, ao menos, con unha decena de novas prazas para cubrir as necesidades básicas de alimentación de persoas maiores ou dependentes da cidade” que requiren axuda para a preparación da comida —ben por ter limitada a súa autonomía persoal, por carecer de apoios familiares ou por estar en exclusión social— proporcionándolles unha atención adaptada as súas necesidades. Tal e como explicou, o actual convenio entre o Concello e a consellería de Política Social, e tras a súa ampliación o pasado verán, contempla 45 prazas (fronte ás 15 iniciais), “unha cifra actualmente insuficiente”. Martínez Montero lembrou que o novo convenio contempla a posibilidade de ampliar a oferta en función da demanda.

Ferrol “é unha cidade tremendamente envellecida á que se suman máis circunstancias aínda complicadas no eido da pandemia”. Esta situación, explicou a concelleira de Benestar Social, “fixeron que este recurso fora, e sexa aínda, especialmente óptimo para moitas persoas maiores e mesmo dependentes no eido da saúde mental, posto que tamén traballamos en coordinación con servizo de saúde mental do Sergas”. 

O fin do goberno local “é coidar aos nosos veciños máis vulnerables” e indicou que o programa ‘Xantar na Casa’ “contribúe a atrasar ou evitar o ingreso nun centro residencial”. Trátase dun plan cofinanciado polo Consorcio de Benestar Social, o Concello e o usuario aínda que no caso de que o beneficiario se atope nunha situación de necesidade o Concello de Ferrol asumiría a súa parte. A edil quixo agradecer a “actitude receptiva” do goberno autonómico á hora de promover o programa na cidade.  

Proporcionar alimentación equilibrada os sete días da semana 
O programa ‘Xantar na Casa’ garante a entrega no domicilio do xantar para os sete días da semana con menús completos, equilibrados, variados e adaptados ás necesidades, gustos e hábitos dos usuarios. Ademais, están supervisados por especialistas en nutrición. O programa permite, entre outras cousas, proporcionar unha alimentación nutritiva atendendo os casos de xeito individualizado, evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores ou dependentes, prevér situacións de risco que se poidan producir no proceso de elaboración da comida, supón un apoio á conciliación familiar e permite facer un seguimento e acompañamento individualizado de cada usuario. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar