Novas

luns, 13 de setembro de 2021

O Concello inicia o plan estratéxico ‘Dieta Ártabra’ coa aprobación da declaración gastronómica e o nomeamento de dous embaixadores

O alcalde, Ángel Mato, leu o documento co que se comeza un proxecto que durará tres anos e que pretende converter Ferrol en destino turístico punteiro en gastronomía sostible e saudable. O rexedor apuntou que a iniciativa “aspira a aproveitar o enorme potencial que ten a cidade, tanto polos seus produtos como polos profesionais do sector e así impulsar a hostalería e os mercados ferroláns”


O Concello inicia o plan estratéxico ‘Dieta Ártabra’ coa aprobación da declaración gastronómica e o nomeamento de dous embaixadores

O alcalde, Ángel Mato, acompañado pola concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, presidiu esta mañá o acto de presentación da declaración gastronómica do Plan Estratéxico ‘Dieta Ártabra’, no que se nomearon aos dous primeiros embaixadores do proxecto: Daniel López, do restaurante O Camiño do Inglés, e Miguel Campos, do establecemento A Gabeira. Acudiron o voceiro do goberno local, Julián Reina, e representantes da Asociación de Empresarios de Hostalería, de COFER, do GALP, da Escola de Hostalería da Graña, da Confraría de pescadores, da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e de varios dos restaurantes máis recoñecidos da cidade. 


Tras ler o documento, o rexedor indicou que a vontade do plan é “converter Ferrol en destino turístico punteiro en gastronomía sostible e saudable” e apuntou que a iniciativa “aspira a aproveitar o enorme potencial que ten a cidade, tanto polos seus produtos como polos profesionais do sector e así impulsar a hostalería e os mercados ferroláns”. O obxectivo, apuntou, é “crear unha marca propia e consolidar a gastronomía como un elemento clave para diversificar a nosa oferta turística, o que implica dinamización económica e creación de emprego”. Mato tamén agradeceu o “importante traballo que desenvolven os hostaleiros da cidade para impulsar a cidade desde o punto de vista gastronómico”.

A concelleira de Turismo debullou o contido do primeiro dos obxectivos do plan, converter Ferrol nunha cidade gastronómica a través da posta en marcha de varias liñas de traballo que se analizarán na Mesa Técnica da Dieta Ártabra, que se constituirá nas próximas datas. Entre as accións máis inmediatas están o desenvolvemento dunha marca, aplicar o plan tamén na zona rural con accións propias, potenciar a formación no sector e propoñer aos visitantes unha experiencia turística que fusione produtos da terra, da peixería e a historia local, entre outras, co fin de que “a economía da cidade se nutra da calidade da súa propia gastronomía a través da posta en valor deste recurso tan importante”. A edil tamén incidiu en que se trata dun plan que durará tres anos e que é froito dun “estudio previo serio e rigoroso da situación da que partimos e dos nosos recursos”. Pola súa banda, o redactor do proxecto, Alejandro Piñeiro, explicou os detalles do conxunto do plan, que permitirá dar a coñecer a gastronomía local como patrimonio cultural e potenciar a identidade culinaria de Ferrol e dos seus produtos locais. Ademáis do primeiro obxectivo, o de converter a cidade en destino gastronómico, hai outros seis propósitos: que sexa destino cidade gastronómica sostible, saudable, do Camiño Inglés, da Ilustración, da resiliencia e rural gastronómico. 

Os novos embaixadores recibiron unha reprodución da peixería de Ucha e un exemplar do libro do fotoperiodista José Pardo, a ‘Buxaina de Ucha’. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar