Novas

venres, 10 de setembro de 2021

O Concello rematará o seu liderado do proxecto europeo MMIAH cun Fam Trip en Ferrol dirixido a operadores de turismo internacionais

As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentaron esta mañá a actividade, que reunirá a profesionais do sector turístico de Italia, Países Baixos, Portugal e España. Desenvolverase entre o 13 e o 17 de setembro e tras unha presentación do proxecto visitarán o Arsenal, o Museo Naval, o barrio da Magdalena, as baterías militares, as praias, as Meninas de Canido e o Castelo de San Felipe, entre outros espazos


O Concello rematará o seu liderado do proxecto europeo MMIAH cun Fam Trip en Ferrol dirixido a operadores de turismo internacionais

O Concello de Ferrol vai rematar o seu liderado do proxecto europeo ‘Maritime, Military and Industrial Heritage of the Atlantic Area Coast’ (MMIAH), iniciado a mediados de 2017, coa celebración en Ferrol dun Fam Trip (viaxe de familiarización) de varios operadores de turismo internacionais, que permanecerán na cidade desde o día 13 ata o 17 de setembro, tal e como anunciaron esta mañá as concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero.


Será a última gran acción promovida polo Concello no marco deste proxecto, que lidera desde o seu inicio e que engloba a outras oito cidades: Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda). O proxecto naceu co obxectivo de poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. 

Como “colofón” do traballo desenvolvido nos últimos anos, explicou esta mañá a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, o Concello quere acoller a operadores internacionais procedentes dos Países Baixos, Italia, Portugal e España para que “coñezan o proxecto e todo o potencial que ofrece a nosa cidade”. Proceden das empresas Ambiance Travel (La Haya), especializado en percorridos individuais enfocados á oferta cultural, activa e culinaria dos destinos; II Mestiere di Viaggiare (Rieti), operador gañador do Premio Italiano de Turismo Responsable e do Premio de Turismo Cultural da Unesco, con especial interese polas vacacións de valores culturais e ambientais; The Way Tours (Oporto), que opera en Norteamérica, Australia e Inglaterra; Across PT (Lisboa), especializada en viaxes e eventos para mercados internacionais; Always Spain Incoming (Galicia), con mercados alemáns e austríacos; Arawac (Madrid), axencia especializada en sendeirismo e viaxes culturais; e Veronia Tours (Salamanca), operador especializado en turismo cultural e activo para alemáns, franceses e polacos. 

A concelleira responsable de Turismo explicou que o Fam Trip comezará o próximo luns cunha presentación en profundidade do proxecto MMIAH e rematará o venres. Visitarán o Arsenal, o Museo Naval, o barrio da Magdalena e os seus edificios modernistas, as baterías militares, as praias, o Museo da Construcción Naval, as Meninas de Canido, percorrerán en lancha a ría ata chegar ao Castelo de San Felipe e pasearán por Monteventoso e desde Prioriño ata Penencia, entre outras actividades. O fin, dixo a edil, “é que coñezan en profundidade a nosa cidade, tanto a zona urbana como o rural, para que poidan vender aos seus clientes tanto Ferrol como o resto de cidades do MMIAH”. Tras este Fam Trip, puntualizou, “as axendas de viaxes e operadores destes países crearán distintos paquetes turísticos para visitar as cidades do proxecto”.

Captar novos mercados 
A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, apuntou que o proxecto, que rematará o 31 de outubro, contou cun orzamento total de 3.288.099, 40 euros, dos que o 75 % procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais de cada cidade. A Ferrol correspóndelle 554.765 euros, dos que 138.691,25 achégaos o Concello. 

Neste tempo, lembrou a edil, desenvolvéronse numerosas accións co fin de captar novos mercados a través da recuperación e promoción do patrimonio da cidade, como son varias rehabilitacións no Castelo de San Felipe, a apertura de exposicións permanentes en dependencias da fortaleza e a posta en valor e impulso da Batalla de Brión, que se celebra cada mes de agosto, así como unha exposición dedicada a ela, entre outras intervencións. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar