Novas

xoves, 09 de setembro de 2021

O concelleiro de Urbanismo visitou a rúa Espartero con representantes veciñais de Ferrol Vello para revisar a fase final dos traballos

Estes días estase rematando a colocación do pavimento na zona máis próxima ao cruce con San Antonio e Breogán, mentres que xa está pendurada a nova iluminación


O concelleiro de Urbanismo visitou a rúa Espartero con representantes veciñais de Ferrol Vello para revisar a fase final dos traballos

A reurbanización da rúa Espartero, no barrio de Ferrol Vello, enfronta estes días o tramo final dos traballos, na zona máis próxima ao cruce con San Antonio, onde se está rematando a colocación do pavimento. Esta actuación é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreu hoxe a rúa na compaña de representantes veciñais, técnicos municipais e responsables da empresa adxudicataria. O obxectivo da visita era que os propios residentes en Ferrol Vello puidesen informarse sobre os detalles finais da obra e trasladarlles aos técnicos as súas impresións acerca do resultado destes traballos. 

O percorrido comezou na nova praza creada entre Baterías e a estrada Alta do Porto, unha zona que pasará a ser peonil en plataforma única con lousas de granito. Nela colocáronse bancos e plantáronse catro árbores. 

O resto do ámbito de actuación tamén pasará a plataforma única, aínda que con diferente pavimento: lousas de granito para peóns e adoquín para vehículos. Aproveitáronse as pedras históricas e renováronse as instalacións. Por outra parte, o novo alumeado, en catenaria e acorde co de Ferrol Vello, xa está pendurado. A reurbanización da rúa Espartero forma parte dunha serie de actuacións dirixidas a revitalizar o barrio, coa intención de que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. 

O obxectivo do goberno local é seguir abordando as obras que estaban previstas no Plan Especial de Ferrol Vello e darlle un pulo importante á área máis antiga da cidade, ao tempo que se impulsa a dinamización da rúa como nexo entre as dúas principais zonas históricas, como son A Magdalena e Ferrol Vello. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar