Novas

mércores, 08 de setembro de 2021

O Concello presenta a programación cultural ata final de ano, co festival infantil Festea, teatro de Pérez Galdós, ballet co ‘O Lago dos Cisnes’, exposicións e o Primeiro Festival polo Camiño Inglés

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou que o Concello vai conmemorar o 75º aniversario da creación da Confradía do Cristo da Misericordia e o centenario da primeira saída da Virxe de Dores co acto ‘Esencia de Pasión’


O Concello presenta a programación cultural ata final de ano, co festival infantil Festea, teatro de Pérez Galdós, ballet co ‘O Lago dos Cisnes’, exposicións e o Primeiro Festival polo Camiño Inglés

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou esta mañá a programación cultural deseñada polo Concello de Ferrol para os próximos catro meses. O edil explicou que desde setembro ata decembro a cidade contará con actividades variadas e de gran calidade para todos os públicos, entre as que destacou a recuperación do festival infantil de monicreques Festea, a representación de Torquemada, de Pérez Galdós, a aposta polo ballet da mán do O Lago dos Cisnes e a celebración do Primeiro Festival Internacional Ferrol no Camiño, con nove concertos ao piano. 


O concelleiro responsable da área de Cultura anunciou que ademáis se renovará o convenio para o ciclo infantil Petís Dúplex, cos cines da cidade do mesmo nome e haberá varias exposicións. 

En canto ao mes de setembro, Golpe indicou que “teremos ocasión de gozar dunha das voces máis destacadas no mundo da canción da autor, María Rodés”. Esta barcelonesa, cuxo traballo musical se caracteriza pola innovación e continua experimentación, estará no Jofre o día 25. O gaiteiro Óscar Ibáñez será outra das bazas da programación deste mes. A súa fusión de sons atlánticos chegará ao Jofre xa esta fin de semana, o venres 10, co acompañamento do Real Coro Toxos e Froles sobre o escenario. 

Golpe explicou que “a música clásica será a protagonista do ‘I Festival Internacional Ferrol no Camiño’, cun total de nove concertos de pianistas de recoñecido prestixio que se desenvolverán entre os días 14 e 30 de setembro. En canto á programación teatral deste mes destaca tamén a representación o día 11 de Torquemada, de Benito Pérez Galdós, e no ciclo Ferrol en Danza “teremos a oportunidade de gozar dunha performance de Verónica Moar e Helena Salgueiro dentro das residencias Paraíso que terán lugar no centro cultural Torrente Ballester, neste caso o xoves 23. 

Neste centro municipal manteranse abertas en setembro as exposicións de fotografías dos Camiños de Santiago do poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto, a do centenario da imprenta ferrolá Paramés e ‘Rojo’, inaugurada onte coas ilustracións e textos poéticos de Sandra Rego e Marta Waterme. Ata finais de ano, explicou Golpe, “teremos outras mostras, como a dedicada ao deseño e música de grupos ferroláns entre 1985 e a actualidade (Ferrol Underground), e as de fotografías de Alicia Seoane e o Grupo Bazán.

Entre as citas culturais de outubro, cabe subliñar, no apartado de música, o pop de Novedades Carminha, un concerto co mellor do repertorio do mestro do tango Astor Piazzola —cuxo centenario conmemórase este ano—, a eurovisiva Lucía Pérez e a volta do ciclo Xoves da Capela. 

Tamén o mes que vén, outubro, o Concello de Ferrol vai celebrar o 75º aniversario da creación da Confraría do Cristo da Misericordia e o centenario da primeira saída da Virxe de Dores cun acto que se titula ‘Esencia de Pasión’. Golpe lembrou que non faltará a habitual colaboración coa Sociedad Filarmónica Ferrolana, á que o Concello “agradece o seu traballo en favor da difusión da música clásica na cidade”. 

Sexta edición do festival infantil de monicreques Festea 
O concelleiro anunciou que o Concello vai recuperar o festival infantil de monicreques Festea, que por mor da pandemia non se celebrou o pasado ano. Esta sexta edición prolongarase ata decembro. Os pequenos da casa tamén poderán gozar da obra ‘Zapatos nuevos’, premio Max 2020. Pola súa banda, o ciclo Ferrol en Danza traerá ao Teatro Jofre ao Ballet Nacional Ruso coa impresionante posta en escena de ‘O lago dos cisnes’, de Tchaikovsky. 

No mes de novembro chegarán Mário Lúcio e Teresa Salgueiro coa súa reinterpretación do fado e a morna, o indie pop de Kimberley Tell e o espectáculo de música, poesía e fotografía dedicado a Xela Arias, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. A metafórica Nevermore da compañía Chévere e a obra Entelequias, de Darío Autrán, destacan na programación teatral de novembro, mentres que en decembro será a quenda de Yllana -con Greenpiss- e Bucanero, con Eurovisión, o fake show. 

Para acabar o ano, sinalou Golpe, “contaremos tamén coa peza de inspiración feminista Pioneiras dentro do ciclo Ferrol en Danza. E no apartado musical, “en decembro poderemos ver de novo a Carlos Núñez, que hai uns días subiu ao escenario con Andrés Suárez no remate das festas de verán de Ferrol, o rock e soul de Combo Paradiso e o aprazado percorrido musical pola historia de Los Satélites, con Sito Sedes”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar