Novas

mércores, 08 de setembro de 2021

O Concello aproba o proxecto de urbanización parcial do Camiño do Pico-Santa Icía

O edil de Urbanismo, Julián Reina, informou en comisión sobre actuacións necesarias para a pavimentación da vía


O Concello aproba o proxecto de urbanización parcial do Camiño do Pico-Santa Icía

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, deu conta esta mañá aos grupos na comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación da aprobación do proxecto de urbanización parcial do Camiño do Pico–Santa Icía, na parroquia de Santa Icia. O edil explicou que o obxecto do contrato é definir as obras necesarias para a realización do pavimentado do trazado do camiño mediante mestura bituminosa continua en quente sobre a zona de rodadura xa existente —na actualidade moi deteriorada—, a limpeza da súa superficie, a reparación de fochancas, o saneamento do firme, a execución das canalizacións soterradas de electricidade e telefonía e o establecemento da iluminación do camiño. Conta cun orzamento de licitación de 42.540 euros. 


Reina indicou que a actuación afecta a unha superficie de 506 metros cadrados nunha lonxitude de 96,65 metros. Trátase dun camiño “transitado principalmente por vehículos lixeiros e pesados que acceden á zona, polo que a súas reparacións resultan prioritarias”. 

Tamén se levarán a cabo traballos de limpeza completa e profunda da superficie a pavimentar e a instalación do abastecemento de augas proxéctase como continuación da rede existente. En canto á iluminación viaria, Reina indicou que a disposición dos puntos de luz efectuarase de forma que permita a continuidade da rede de iluminación existente nas rúas próximas con 5 luminarias led. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar