Novas

martes, 07 de setembro de 2021

O Concello iniciou no parque biosaudable de Canido a segunda edición do programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, acudiu esta mañá ao inicio da segunda edición dun plan que naceu para “paliar a inactividade na poboación maior por mor da pandemia ao tempo que potenciar o uso dos nosos parques”. Desenvolverase cada martes e xoves ata o 30 de setembro


O Concello iniciou no parque biosaudable de Canido a segunda edición do programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’

O Concello de Ferrol iniciou esta mañá a segunda edición do programa municipal de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’ no parque biosaudable de Canido. Trátase dunha iniciativa deseñado pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, que vai desenvolver Andaravía cada martes e xoves, ata o xoves 30 de setembro, en distintos parques da cidade. Hai dous grupos —de 9 a 10h e de 10.15 a 11.15h — de dez persoas cada un.


A edil acudiu esta mañá ao inicio do programa e lembrou que ‘Movemos o corazón en Ferrol’ naceu a comezos de verán co propósito de “paliar a inactividade da poboación maior da cidade por mor da pandemia, o colectivo máis afectado pola crise sanitaria, ao tempo que recuperar a súa actividade nos nosos parques biosaudables”. Desde o Concello, dixo, “queremos animar aos maiores a saír á rúa, sempre con precaución, para facer exercicio en compañía e mellorar tanto o seu estado físico como anímico”. 

Esta segunda edición contempla sesións de 60 minutos cada unha e está dirixido a maiores de 65 anos empadroados en Ferrol e que non teñan patoloxía que lles impida realizar os exercicios que inclúe o programa, que desenvolverase ao aire libre nos parques de Canido, Esteiro, San Pablo, Praza de Sevilla, Santa Mariña, Caranza e a Malata. 

A edil lembrou que a práctica de exercicio físico “ten moitos beneficios, máis aínda para as persoas maiores”, como a mellora do sistema circulatorio, a diminución das patoloxías crónicas, a mellora do equilibro e da concentración, axuda a conciliar o sono, aumenta o optimismo e atrasa o envellecemento. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar