Novas

luns, 06 de setembro de 2021

Antonio Golpe presenta a Noite das Pepitas 2021, que se celebrará o sábado na praza de Armas

O concelleiro de Cultura agradeceu á alumna do IES San Pedro de Leixa o deseño do cartel deste ano e anunciou que participarán cinco rondallas de Ferrol e unha de Cariño. O edil estivo acompañado polo coordinador das rondallas, Ricardo González Sedes, quen anunciou que haberá un pasarrúas previo ao festival


Antonio Golpe presenta a Noite das Pepitas 2021, que se celebrará o sábado na praza de Armas

O Concello de Ferrol presentou esta mañá o cartel e o programa do festival da Noite das Pepitas 2021, que terá lugar o sábado, 11 de setembro, ás 19.30 horas, na Praza de Armas. O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou esta mañá que participarán cinco rondallas de Ferrol e unha de Cariño: Añoranzas, Club de Campo, Bohemios, Sonidos del Alba, Só Elas e Rondalla de Cariño. 


O edil destacou o “gran arraigo” desta tradicional festa, “orixinal e senlleira”, e lembrou que se trata dunha celebración centenaria que “xa ten a consideración de interese turístico de Galicia que por acordo plenario imos promover coa aspiración de que alcance a de interese turístico internacional”. 

Golpe fixo un especial recoñecemento ao IES San Pedro de Leixa pola súa “participación activa” á hora de darlle visibilidade ao evento a través dos seus carteis. Estiveron presentes a profesora do centro María Salas e a alumna autora do cartel deste ano, Susana Tabeayo, quen explicou que quixo reflectir a lúa e os estaleiros da cidade. Golpe entregoulle como regalo institucional dous libros: A buxaina de Ucha, do fotoperiodista José Pardo, e Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández.

Pola súa banda, Ricardo González Sedes, coordinador das rondallas, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol e anunciou que o sábado, ás 18 horas, terá lugar un pasarrúas que sairá da Praza de España ata a Praza de Amboage, pola rúa Real, e regresará á Praza de Armas pola rúa Dolores. Participarán as seis rondallas, que sairán con 15 minutos de diferencia entre elas, por este orden: Sonidos del Alba, Rondalla de Cariño, Club de Campo, Añoranzas, Só Elas e Bohemios. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar