Novas

xoves, 02 de setembro de 2021

O Concello presenta o Festival Meninas de Canido 2021, co que se alcanzarán as 500 obras no barrio de Canido

O alcalde, Ángel Mato, anunciou esta tarde que participan nesta edición arredor de 40 artistas nacionais e internacionais e destacou a irmandade do evento coa Casa Velázquez de Sevilla. Estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; o impulsor do proxecto de rexeneración urbana, Eduardo Hermida; e os promotores da iniciativa


O Concello presenta o Festival Meninas de Canido 2021, co que se alcanzarán as 500 obras no barrio de Canido

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta tarde unha nova edición das Meninas de Canido, que se celebrará no barrio de Canido desde hoxe ata o domingo. Acudiron ao acto Antonio Golpe, concelleiro de Cultura; Eduardo Hermida, impulsor do proxecto; e os promotores da iniciativa José Pose, delegado comercial de Estrella Galicia; José Rilo, director de Rilo; Emilio Anca, de Transportes Anca; Ramón Barrio, xerente da delegación en Ferrol de concesionarios Galcar; Fernando Yáñez, representante de Vivanco; Manoela Ferreira, presidenta da asociación Movilidad Humana; Pura Galán Boutureira, coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega da provincia da Coruña; e Maxi López, representante da axencia RumRum. 


A edición deste ano de Meninas de Canido contará con proxeccións de documentais, unha conferencia, fotografía, showcooking, pasarrúas, un mercado creativo e actuacións musicais de variados estilos: ópera, Mala Rodríguez, Sons Volans, Alice Woder, entre outras. O pregón correrá a cargo de Paco Clavel. 

O alcalde explicou que o festival 2021 “da un paso máis na súa proxección cultural” coa irmandade coa Casa Velázquez de Sevilla, que será efectiva desde este mesmo sábado coa visita do seu director cultural. “É unha mostra máis”, dixo, “da consagración deste evento no circuíto nacional de arte urbano”. 

Mato trasladou que “a conquista das Meninas avanza este ano ata as inmediacións do Sánchez Aguilera” co artista Sfhir e a súa proposta de gran formato. O festival contará este ano con arredor de 40 artistas “que veñen a participar nun movemento de rexeneración urbana e arte na rúa iniciado en Canido hai máis de dez anos e que logrou unha indubidable promoción da cidade de Ferrol fora das nosas fronteiras”, dixo. De feito, a ruta das Meninas, que con esta edición vai alcanzar as preto de 500 obras na rúa, xa forma parte da lista de Itinerarios Impresionistas de Europa, tal e como lembrou o alcalde. Outra das novidades deste ano con selo local é o estreo do documental ‘Bienvenido Mr. Banksy’, de Cuerda Floja Produccións.

A celebración deste evento “é un referente cultural que dignifica o espazo público ao tempo que reúne aos nosos veciños”, recalcou o alcalde, cun gran retorno para a cidade. Mato desexou que a edición que hoxe comeza se celebre “con responsabilidade, ao igual que sucedeu nas pasadas festas de verán de Ferrol”, e puxo en valor o “esforzo e dedicación” das persoas que traballan para que este evento se desenvolva. Neste punto lembrou que Meninas de Canido 2021 supoñe “unha homenaxe moi emotiva a nosa amiga Paula García, Paula Montopaco, que merece que desenvolvamos un festival á altura”. unha muller “ligada a este festival, valente e traballadora incansable á que debemos gran parte do recoñecemento do que goza na actualidade este festival”. Por todo iso, dixo, Paula xa ten unha menina dedicada a ela nas inmediacións do Baluarte. Esta é a edición “máis difícil de organizar” pola recente perda de Paula García. 

Pola súa banda, Eduardo Hermida, promotor das Meninas de Canido, trasladou o seu agradecemento ao Concello de Ferrol, Sociedade Mixta de Turismo, secretaría xeral de Normalización Lingüística, Deputación da Coruña, Estrella Galicia, Anca e Aguado Transportes e Rilo así coma ás entidades e empresas colaboradoras que fixeron posible esta edición de Meninas de Canido: concesionarios Galcar, Longa Vida Handmade, Movilidad Humana, Maruxas de Nata e Loop. 

Hermida lembrou á súa compañeira Paula García e “ao seu enorme sorriso, que facía que todo isto fose posible” e destacou “a importancia que está a adquirir o festival”, nado en 2008 de xeito espontáneo en colaboración coa súa filla. Resaltou que esta edición contará coa visita de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, e de Nava Castro, directora xeral de Turismo, que recibirá, de xeito simbólico, as chaves do barrio de Canido no marco das accións que está a desenvolver Cites co fin de dinamizar a cidade.  






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar