Novas

mércores, 01 de setembro de 2021

Aberto o prazo de inscrición para “Cóntame Ferrol”, un proxecto web para promover e visibilizar os contidos que falan do territorio

O tecido asociativo e creativo local poderá compartir as súas iniciativas sobre a contorna e a veciñanza neste novo espazo dixital, que abrirá ao público en decembro. O taller, que dispón de 20 prazas, desenvolverase entre o 17 de setembro e o 5 de novembro, terá carácter semipresencial e unha orientación práctica. Os interesados poden anotarse ata o 13 de setembro na web http://contame.ferrol.gal/


Aínda está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro que comezará o 17 de setembro no marco do proxecto web Cóntame Ferrol, posto en marcha polo Concello de Ferrol a través da concellería de Cultura, que dirixe Antonio Golpe. Cóntame Ferrol é unha proposta para recompilar, preservar e difundir contidos creados arredor do territorio e a súa xente cun dobre obxectivo: ofrecerlle ás iniciativas xa existentes un espazo común de contacto co público e, ao mesmo tempo, facilitar que calquera persoa poida acceder a elas dun xeito práctico e sinxelo. Co fin de contribuír á creación dun relato propio e impulsado dende a cidadanía, Cóntame Ferrol recompilará contidos de carácter amador ou profesional, cuxo tema (patrimonio, saberes, toponimia, artes, memoria…) teña relación coa contorna e a veciñanza, prestando unha especial atención a aqueles que respondan a un perfil sociocultural, creativo ou divulgativo.


O proxecto abre a súa primeira fase convidando a participar a persoas e entidades, que atoparán na web http://contame.ferrol.gal/ a información necesaria para compartir as súas propostas. Estas poderán ser espazos web, plataformas audiovisuais, novas narrativas, arquivos sonoros, en vídeo ou fotográficos, así como obras escritas ou proxectos expositivos, entre outros formatos. 

Un total de 20 prazas 
Ademais de facilitar o arquivo e visibilización dos contidos que xa existen, o Concello aposta por dotar á cidadanía de ferramentas e estratexias útiles para avanzar en novas propostas de perfil dixital. Para iso (e tras a experiencia da pasada primavera nos talleres de creación de contidos e de novos formatos e narrativas) a área de Cultura convoca este obradoiro de creación audiovisual e mapeo dixital para o presente mes de setembro.

O taller, que dispón de 20 prazas, desenvolverase entre o 17 de setembro e o 5 de novembro, terá carácter semipresencial e unha orientación práctica. As 40 horas de dedicación total estimadas distribuiranse entre sesións presenciais, en liña e traballo persoal. A inscrición, que pode formalizarse xa na web http://contame.ferrol.gal/, estará aberta ata o vindeiro 13 de setembro ou ata pechar a capacidade do obradoiro. 

Este novo percorrido formativo está dirixido a calquera persoa creativa, especialmente aquelas que teñan relación coa arte, o asociacionismo e os ámbitos educativo e sociocultural, e ofrecerá a posibilidade de aprender a realizar pequenas pezas de vídeo e situalas nun mapa dixital, xerando un percorrido polo territorio en base a tres posibles temas: a memoria industrial, a memoria veciñal e a memoria dos lugares. 

O resultado final do taller será un mapa aberto ao público que poderá visitarse na web de Cóntame Ferrol antes de que remate o ano, xunto cos demais contidos e experiencias recompiladas no marco do proxecto. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar