Novas

mércores, 01 de setembro de 2021

O prazo para presentar candidaturas ao Premio Solidario Cidade de Ferrol 2021 remata o día 6 de setembro

Haberá dúas categorías, unha referida a proxectos locais cunha dotación de 6.000 euros e outra para o eido da cooperación internacional de 4.000 euros


O prazo para presentar candidaturas ao Premio Solidario Cidade de Ferrol 2021 remata o día 6 de setembro

As candidaturas ao Premio Solidario Cidade de Ferrol 2021 poderán presentarse ata o día 6 de setembro incluído no Rexistro Municipal, tal e como lembrou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. O galardón ten como fin premiar os esforzos de iniciativas e proxectos desenvolvidos no eido da solidariedade, a cooperación e o voluntariado, e nesta edición contará con dúas categorías. 


A primeira premiará a posta en marcha, a ampliación ou a continuación de proxectos solidarios no eido do voluntariado no ámbito do municipio de Ferrol e contará cunha dotación de 6.000 euros. A segunda inclúe ese mesmo tipo de iniciativas, pero referidas á cooperación internacional e dentro da protección dos dereitos sociais básicos, das persoas e dos colectivos máis vulnerables. Neste caso a contía é de 4.000 euros. 

Poderán optar entidades sociais que estean constituídas e rexistradas no Concello de Ferrol e non teñan carácter lucrativo, ademais de persoas físicas maiores de 18 anos e empadroadas en Ferrol. En todo caso, o proxecto axustarase aos obxectivos de solidariedade, cooperación e voluntariado. Ademais, cada entidade ou persoa poderá presentar ata dous proxectos, para a mesma ou para distinta categoría, e cada un deles valorarase de xeito individual e independente. Tanto as bases coma a convocatoria, así como a documentación necesaria para presentar a solicitude, están dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello, en formato físico e na páxina web municipal. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar