Novas

mércores, 01 de setembro de 2021

O Concello licita as obras para o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, trasladou aos grupos da oposición na comisión de área celebrada esta mañá que o proxecto conta cun orzamento de 695.207,56 euros. O edil indicou que está previsto que os traballos comecen antes de finalizar este ano e rematen o próximo verán. Levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde, entre outras actuacións


O Concello licita as obras para o arranxo das deficiencias da urbanización Cidade Xardín

 O Concello de Ferrol abriu esta mañá a licitación das obras para o arranxo das deficiencias da urbanización do Plan de Sectorización Cidade Xardín, no Vinculeiro, unha actuación que conta cun orzamento de 695.207,56 euros (IVE incluído). É un paso máis na tramitación da execución do proxecto logo que a Xunta de Goberno Local aprobara o pasado luns o expediente de contratación. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, trasladou aos grupos da oposición na comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada esta mañá que a Plataforma de Contratación do Sector Público publicou onte o anuncio de licitación, que fixa o día 20 de setembro, ás 23.59 horas, o límite para a presentación de ofertas As propostas deberanse achegar de xeito electrónico na mesma plataforma con carácter exclusivo e excluínte. A duración prevista da obra é de sete meses e a previsión do goberno local, tal e como indicou o edil, é comezar os traballos antes de finalizar este ano e rematar no verán de 2022. Trátase dunha intervención que “pechará un problema histórico que levan soportando os nosos veciños desde hai máis de dez anos”, tal e como explicou Reina. 

O programa de necesidades inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida, a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba. 

O proxecto tamén recolle a execución da rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e a colocación de salva bordos metálicos para facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de 90 centímetros de ancho de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñeranse os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza. 

O proxecto contempla o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro, que incluirá a eliminación das malas herbas e a poda do arboradura, así como nova sinalización vertical e horizontal. Tamén se desenvolverán traballos de reparación na rede de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das arquetas de abastecemento e a substitución das tapas. Do mesmo xeito, levaranse a cabo todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. En canto á rexeneración de zonas verdes, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar