Novas

xoves, 22 de xullo de 2021

O Concello promove a creación artística de cineastas galegas co encontro ‘Cima en Curta’

A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, trasladou esta mañá na comisión de Benestar Social que terá lugar o 30 de xullo nos Cines Dúplex. A edil indicou que se proxectarán cinco curtametraxes e a continuación se celebrará un debate coas autoras e público. As entradas, de balde, repartiranse a partir do martes 27 de xullo no despacho de billetes do Cine Dúplex ata completar o aforo establecido pola situación epidemiolóxica do momento


O Concello de Ferrol vai promover a creación artística de mulleres cineastas galegas coa celebración do ciclo de cine ‘Cima en Curta’, unha iniciativa en colaboración coa Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais e os Cines Dúplex, onde terá lugar a sesión. 


A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, trasladou aos grupos da oposición na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada esta mañá que o ciclo ‘Cima en Curta’ terá lugar o día 30 de xullo, ás 19.45 horas. Proxectaranse cinco curtametraxes e a continuación se celebrará un debate co público e as autoras. As entradas, de balde, repartiranse desde o martes 27 de xullo no despacho de billetes do Cine Dúplex ata completar o aforo establecido pola situación epidemiolóxica do momento. 

Prados explicou que ‘Cima en Curta’ é unha mostra de cine mediante curtametraxes co obxectivo de “dar a coñecer os traballos realizados por mulleres cineastas (directoras, guionistas, produtoras, montadoras, directoras de fotografía, entre outras) ao público galego e “ao mesmo tempo promover o debate sobre a creación cinematográfica das mulleres no contexto particular de Galicia co fin de apoiar a súa presenza na industria audiovisual”. 

As cinco curtametraxes son Muller Personaxe, de Lucía Estévez, unha entrevista coa súa nai que lle serve á directora para facer unha reflexión sobre o rostro feminino na la pantalla galega; Dores, de Coral Piñeiro, responde á necesidade de loitar contra o esquecemento do acontecido durante a ditadura de Franco en Galicia e as súas consecuencias aínda presentes hoxe en día; Xoves de comadres, de Noemí Chantada, reflicte que o seu mundo era xa como un formigueiro baleiro, unha colmea case seca á que chegou un grilo bullicioso; Carne, de Camila Kater e Chelo Loureiro como produtora, mostra como a través de relatos íntimos e persoais cinco mulleres comparten as súas experiencias en relación co corpo, desde a infancia ata a terceira idade e, por último, Terceira oportunidade, de Xudit Casas, que abre o debate de quen ten o poder nunha relación de parella. 

 Prados indicou que nesta ocasión CIMA, a Asociación de Mulleres cineastas e de medios audiovisuais e o Concello de Ferrol únense para organizar unha sesión especial da mostra en Galicia para exhibir o traballo das cineastas galegas. O obxectivo, explicou Prados, é “estimular a creación artística coa mirada de muller, promover o debate dende unha perspectiva feminista e fomentar a representación equilibrada da muller no sector cinematográfico”. No coloquio que se celebrará a continuación participarán as autoras e as moderadoras Patricia de Luna, de Cima en Curta, e Elena García Román, de Cima Galicia.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar