Novas

mércores, 21 de xullo de 2021

As obras en Espartero céntranse na súa derradeira fase no tramo entre San Antonio e Mercé

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, revisou os traballos que neste momento se están a desenvolver no encontro da rúa con Breogán, ademais da instalación de novos sinais no cruce de Mercé con Socorro e a futura situación dos bancos que se colocarán na praza peonil creada entre Baterías e a estrada Alta do Porto


As obras en Espartero céntranse na súa derradeira fase no tramo entre San Antonio e Mercé

A reurbanización da rúa Espartero, no barrio de Ferrol Vello, está entrando este mes na súa derradeira fase, que se centra no tramo entre Mercé e San Antonio. Esta actuación é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreu esta mañá o ámbito de actuación na compaña do director de obra e de técnicos tanto da empresa adxudicataria coma do Concello. O obxectivo da visita era revisar o encontro de Espartero con Breogán e San Antonio, no que se está traballando estes días. Tamén se comprobou a idoneidade da nova sinalización de tráfico no cruce de Mercé con Socorro, nas inmediacións das obras, e planificouse a colocación dos catro bancos que ocuparán a nova praza creada entre Baterías e a estrada Alta do Porto. Esta zona pasou a ser peonil en plataforma única, pavimentada con lousas de granito, e xa se plantaron nela catro árbores. 

Realizado tamén o encontro de Espartero con Baterías e o primeiro tramo da rúa, ata o cruce con Mercé, o groso dos traballos desenvólvese agora no comprendido entre esta última e San Antonio, que tamén pasará a plataforma única, aínda que con diferente pavimento: lousas de granito para peóns e adoquín para vehículos. Aproveitaranse as pedras históricas na medida do posible e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se están a renovar as instalacións e se están a facer canalizacións para soterrar o tendido eléctrico. Por outra parte, o proxecto contempla a instalación do novo alumeado acorde co de Ferrol Vello. 

O proxecto forma parte dunha serie de actuacións que van dirixidas a revitalizar o barrio, para que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. A intención do goberno local é seguir abordando as reurbanizacións que estaban previstas no Plan Especial de Ferrol Vello e darlle un pulo importante ao barrio, ao tempo que se impulsa a dinamización da rúa como nexo entre dúas zonas históricas da cidade, como son A Magdalena e Ferrol Vello.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar