Novas

mércores, 21 de xullo de 2021

O goberno local propón que Ferrol se adhira ao protocolo de prestación de servizo en beneficio da comunidade destinado a menores

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, informou aos grupos da oposición na comisión informativa celebrada esta mañá que os mozos cumprirían a súa responsabilidade penal na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC)


O goberno local vén de propoñer na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada esta mañá que a cidade de Ferrol se adhira ao protocolo xeral entre a consellería de Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a execución da medida xudicial de prestacións en beneficio da comunidade de responsabilidade penal dos menores imposta polos xuíces de menores a mozos residentes en Galicia. O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, presentou aos grupos da oposición a proposta, que PP e FeC ditaminaron a favor, antes de sometela ao pleno da corporación. 


O edil detallou que “as áreas de actuación onde o Concello prestaría unha mellor labor pedagóxica aos menores sería na protección civil da cidadanía e a súa axuda social a través das tarefas de axuda social realizadas pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol (AVPC)”. Na provincia de Coruña xa son 25 os concellos adheridos a dito convenio, asinado no ano 2006. 

A prestación en beneficio da comunidade defínese como unha intervención educativa a instancia xudicial que implica a realización por parte do menor de actividades non retribuídas de interese social ou en beneficio das persoas en situación de precariedade. 

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, deu conta aos grupos da oposición do informe do servizo de asistencia técnica consistente no apoio ao negociado de Medio Ambiente para a aplicación da normativa sobre os deberes dos propietarios de parcelas e cumprimento da normativa vixente en materia de prevención de incendios. A edil explicou que durante o pasado mes de xuño se inspeccionaron 223 parcelas das parroquias de San Xurxo, Doniños e Esmelle. A maior parte dos informes están referidos a incumprimentos da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, outros a incumprimentos da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e unha minoría fan referencia tamén á Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia. 

Lamas tamén informou á oposición do plan de roza de vías que o Concello está a executar desde o mes de maio. Xa remataron os traballos nas parroquias de Santa IcíaLeixa, Mandiá-Marmancón, Covas, Esmelle, San Xurxo e Doniños, ás que sigue Brión. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar