Novas

venres, 11 de xuño de 2021

O Concello constitúe a primeira mesa de profesionais en saúde mental para abordar o impacto da pandemia

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, apuntou que o obxectivo é “mellorar a coordinación entre Saúde Mental, Servizos Sociais e entidades, tanto en casos de urxencia coma no seguimento dos mesmos, respecto de persoas en situación de vulnerabilidade”


O Concello constitúe a primeira mesa de profesionais en saúde mental para abordar o impacto da pandemia

O Concello de Ferrol vén de constituír esta mesma mañá a Mesa de Profesionais para a coordinación entre Benestar Social e Saúde Mental, un novo órgano cuxo fin é o de traballar de forma conxunta entre o persoal dos servizos sociais do Concello, profesionais de psiquiatría, psicoloxía e traballo social da Área Sanitaria de Ferrol e a Mesa Técnica municipal sobre Persoas Sen Teito —integrada por diferentes entidades sociais da cidade— para abordar o impacto que está a ter a pandemia na saúde mental dos veciños da cidade, especialmente entre as persoas vulnerables en situación de sen fogar.


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu a constitución da nova Mesa de Profesionais para a coordinación entre Benestar Social e Saúde Mental, que nace tras percibir tanto por parte dos servizos sociais do Concello como da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito “un preocupante aumento dos casos de saúde mental e do agravamento de situacións concretas como consecuencia do impacto da pandemia, sobre todo entre as persoas vulnerables sen fogar, con maior incidencia entre mulleres”. A función da mesa será a de establecer un protocolo de actuación entre os axentes implicados para “optimizar recursos e obter os mellores resultados”, explicou a edil.

Tamén acudiu esta mañá á constitución da mesa o xefe de psiquiatría da Área Sanitaria, Antonio Núñez Pérez, a quen a edil agradeceu “a súa total disposición e colaboración para abordar de forma conxunta co Concello o impacto da pandemia entre os nosos veciños”.

A edil insistiu en que o obxectivo final é “plasmar sobre o papel unha serie de pautas que permitan mellorar a coordinación entre Saúde Mental, Servizos Sociais e entidades, tanto en casos de urxencia coma no seguimento dos mesmos, respecto de persoas en situación de vulnerabilidade e, de forma especialmente imortante, entre as persoas sen fogar ou que habiten unha infravivenda”. Trátase de mellorar na medida do posible a atención que se presta dende institucións e entidades, “unindo sinerxias”, precisou. 

Día Internacional das Persoas en situación de sen fogar  
A concelleira lembrou que a celebración do Día Internacional das Persoas en situación de Sen Fogar deste ano, que se celebra o 25 de novembro, terá lugar en Ferrol o 26 de outubro cunha xornada que se dedicará á saúde mental precisamente para “concienciar e divulgar a necesidade de poñer o foco tamén neste aspecto como consecuencia da dura pandemia que estamos a vivir”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar