Novas

mércores, 09 de xuño de 2021

O Concello comezará a reparación de elementos das praias a próxima semana

A edil de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que se desenvolverán reparacións e reposicións de infraestruturas en Doniños, Santa Comba, Marmadeiro, Preixal, A Fragata, Covas, Esmelle, Cariño, SanFelipe e Penencia


 O Concello de Ferrol vai comezar a próxima semana unha serie de reposicións e reparacións de elementos en varias praias do municipio co fin de que estean nas súas mellores condicións de cara ao inicio da tempada de verán.


A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que serán varios os traballos a desenvolver. No areal de Santa Comba repoñeranse pezas de protección nas varandas e táboas nos accesos á praia, outras repararanse e repoñerase tornillería (en aceiro inoxidable), ao igual que en Marmadeiro, onde tamén se repoñerán táboas de varanda.

Na praia do Preixal, a carón da praia de Fragata, repararase o peche do acceso e subministraranse táboas para a zona do novo acceso ao camping. No caso da praia da Fragata substituiranse as portas dos aseos, repasarase a súa pintura e repoñeranse táboas do chan e no aparcadoiro de Cobas, tamén nos aseos, substituiranse varias manillas de portas e repoñerase o lavabo. Lamas concretou que se repoñerá o peche do acceso á praia de Esmelle, repararase o cartel informativo de Cariño e consolidarase o pasamáns no areal de San Felipe, entre outras intervencións prevista

No caso de Doniños repoñeranse varias táboas de pasamáns, de protección de varandas e do chan, ao igual que en Punta Penencia. Todas estas actuacións desenvolveranse nas próximas datas e contan cun orzamento municipal de 7.696,81 euros (con impostos). 

Intervención integral en Doniños  
Estas intervencións de renovación en diferentes praias súmanse á intervención integral que o Concello está a executar en Doniños, unha actuación incluída no POS 2018 cun orzamento base de 97.236,25 euros (impostos incluídos) coa renovación do paseo marítimo e outros traballos na contorna do areal, tamén na zona do miradoiro, como o fresado do carril bici para renovar o seu firme e labores de mantemento e reparación no sistema de drenaxe. O proxecto tamén inclúe varias actuacións en materia de accesibilidade para adaptar os diferentes elementos ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar