Novas

mércores, 09 de xuño de 2021

O Concello ultima a colocación da pedra histórica na rúa Carmen Curuxeiras

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, explicou que desde Mercé e Calatrava se está a traballar na colocación de lousas de granito e avanzou que as novas luminarias se instalarán nas próximas datas . A intervención do Concello en Carmen Curuxeiras xunto coa que xa executa en Espartero e a próxima reurbanización de San Francisco forman parte do plan do goberno local de “devolver ao barrio de Ferrol Vello o protagonismo que merece”


O Concello ultima a colocación da pedra histórica na rúa Carmen Curuxeiras

. O Concello ultima a colocación da pedra histórica no primeiro tramo da rúa Carmen Curuxeiras, no barrio de Ferrol Vello, entre o Paseo da Mariña e Mercé. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou hoxe que esta mesma semana rematará dita actuación, para o que se está a encher con morteiro as xuntas das pedras. O edil lembrou que o proxecto de reurbanización contemplou o mantemento das lousas tradicionais de pedra que aínda se conservaban e no resto da vía, no tramo comprendido entre Mercé e San Francisco, se está a avanzar na colocación de lousas de granito. De feito, xa está listo o tramo entre San Francisco e Calatrava e tamén esta última rúa, que xa está aberta.


O proxecto inclúe o soterramento das instalacións —eléctricas, de telecomunicacións e de gas— e a renovación das canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. A iluminación vai ser substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano vaise a renovar por completo. Reina adiantou que as novas luminarias instalaranse nas próximas datas. 

O deseño desta rúa, coa conservación de pedra histórica e a colocación de lousas de granito, ten continuidade no barrio grazas a outra intervención que o Concello está a executar na actualidade na rúa Espartero —entre San Antón e a estrada Alta do Porto—, unha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Neste caso a colocación da pedra histórica, prevista para o tramo comprendido entre a estrada Alta do Porto e a rúa Baterías, rematará a mediados deste mes. 

Plan para devolver a Ferrol Vello o protagonismo que merece  
Ambas intervencións de renovación de rúas executadas polo Concello forman parte do plan municipal para “devolver a Ferrol Vello o protagonismo que merece”, explicou Reina, ao que se sumará a próxima reurbanización da rúa San Francisco que, ao igual que Espartero, servirá de nexo entre dous barrios históricos da cidade: A Magdalena e Ferrol Vello. Ditos proxectos van servir para “revitalizar e dinamizar” a contorna, apuntou o edil. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar