Novas

martes, 08 de xuño de 2021

Comezan as obras de repavimentación e mellora do carril bici da avenida de Esteiro

Traballadores da adxudicataria comezaron esta mañá a instalación do valado de seguridade entre a zona das Angustias e a intersección coa avenida de Vigo. A actuación afecta a un tramo de medio quilómetro en cada sentido, onde se retirará o actual firme para substituílo por outro de formigón armado con malla metálica


Comezan as obras de repavimentación e mellora do carril bici da avenida de Esteiro

As obras de repavimentación e mellora do carril bici da avenida de Esteiro, incluídas no POS 2018 da Deputación da Coruña, comezarán esta semana, previsiblemente o vindeiro xoves, segundo ten programado a adxudicataria. Hoxe, traballadores da empresa comezaron a instalar o valado na zona na que se desenvolverá a actuación, entre as inmediacións da igrexa das Angustias e a intersección coa avenida de Vigo. Trátase dun tramo de case medio quilómetro de lonxitude (arredor dun quilómetro tendo en conta que se vai actuar a ambos lados da calzada).


Os traballos, que contaban cun orzamento de 91.234,30 euros, foron adxudicados finalmente por 66.947,63 (impostos incluídos), e teñen un prazo de execución dun mes. Esta actuación responde á necesidade de garantir a durabilidade do carril bici, polo que se adoitou como solución pavimentalo con formigón armado con maia de ferro. Terá un grosor de 15 centímetros e o acabado consistirá no fratasado e pulido do material. A adxudicataria ofreceu unha garantía de cinco anos. 

Previamente a estres traballos, levaranse a cabo demolicións no firme actual, que poden afectar ás vías próximas e zonas axardinadas, pero en todo caso serán repostas. As tapas de pozos e arquetas de servizos como o saneamento ou o abastecemento de auga colocaranse á nova cota e posteriormente acometerase a sinalización viaria horizontal, que consistirá en marcas continuas retrorrefrectantes de 15 centímetros de ancho.   

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar