Novas

luns, 07 de xuño de 2021

O goberno local renova o seu respaldo ás entidades veciñais con axudas adaptadas á situación covid e unha liña específica para novas tecnoloxías e mobiliario

A edil explicou que sufragarán os gastos derivados da pandemia, das actividades desenvolvidas polas entidades e gastos de mantemento .Valorou “moi positivamente o labor de dinamización veciñal que fan as asociación veciñais de Ferrol” nun ano no que “a situación aínda non está normalizada”


O goberno local volve propoñer para este ano unhas bases específicas para a concesión de subvencións a entidades veciñais de Ferrol adaptadas á situación xerada pola pandemia que inclúen dúas liñas de axudas, unha para sufragar actividades que favorezan a participación cidadá entre a veciñanza dos barrios e das parroquias e gastos ordinarios de funcionamento e outra —implementada por vez primeira o pasado ano— destinada a gastos de investimentos en novas tecnoloxías e mobiliario.


A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, deu conta esta mañá aos grupos da oposición na comisión informativa da área da proposta do goberno local, que contempla un orzamento municipal de 100.000 euros para sufragar os gastos derivados da pandemia, das actividades desenvolvidas polas entidades e gastos de mantemento. De feito, a edil anunciou que desde a concellería trasladouse o borrador das bases ás entidades para que formulen as súas achegas. Unha vez recollidas, o documento definitivo volverá a comisión e deberá aprobarse en pleno.

A primeira liña, dotada con 80.000 euros, subvencionará os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento das actividades de interese xeral para a cidadanía e os gastos ordinarios de funcionamento necesarios para o cumprimento dos fins propios das entidades veciñais que se realicen entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de decembro de 2021. As actividades que poden ser obxecto de solicitude de subvención dentro desta primeira liña deben estar encadradas nalgúns destes bloques: actividades físicas; de ocio e tempo de lecer que promovan espazos de convivencia e encontro; de tipo formativo e informativo á colectividade; sociais ou que fomenten a participación cidadá e o apoio a outros colectivos do barrio. 

No marco desta primeira liña son subvencionables gastos correntes como os de persoal, de transporte específico das actividades, materiais funxibles específicos das actividades ou de asistencias técnicas externas, entre outros. Tamén os gastos ordinarios de funcionamento, como os de subministros, xestión, comunicación, mantemento, aluguer, asesoramento e persoal administrativo. 

Un apartado específico para sufragar gastos derivados da pandemia 
Ao igual que sucedeu o pasado ano, nesta primeira liña inclúense tamén os gastos derivados da actual crise sanitaria pola covid-19, como os que supón a adquisición de máscaras, xeles hidroalcohólicos, dispensadores, dosificadores ou da sinalética específica, entre outros.

En canto á segunda liña de axudas, dotada dun orzamento de 20.000 euros e incluída por primeira vez nas bases de axudas para entidades veciñais do pasado ano, a concelleira explicou que poderá sufragar gastos de investimentos en novas tecnoloxías e mobiliario sempre que sexa de nova adquisición, substitución ou mellora de equipamentos informáticos, audiovisuais ou de oficina e mobiliario en xeral das sedes sociais das entidades.

A vontade de ditas bases é “reforzar o noso apoio ás entidades veciñais de Ferrol” nun momento “tan complicado como o que estamos a vivir”, dixo, no que “as asociacións viron como a expansión do virus alterou o desenvolvemento de moitas das súas actividades programadas”. Lamas valorou “moi positivamente o labor de dinamización veciñal que fan as asociación veciñais de Ferrol” nun ano no que “a situación aínda non está normalizada” e engadiu que o goberno local sigue traballando para “non deixar a ninguén atrás e adaptar as axudas á situación real”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar