Novas

sábado, 05 de xuño de 2021

O Concello de Ferrol e Navantia impulsarán a creación dun bosque en Cabo Prior

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, explicou que o goberno local someterá á comisión de Facenda un convenio de colaboración coa empresa pública para reforestar dúas hectáreas, que deberá aprobar o pleno. A Administración local cedería cinco parcelas municipais por 40 anos para plantar especies autóctonas como punto de absorción de dióxido de carbono. Está previsto que a plantación se realice na primeira campaña tras a firma do convenio, a finais de ano


O Concello de Ferrol e Navantia impulsarán a creación dun bosque en Cabo Prior

O Concello de Ferrol e Navantia están a traballar nun convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto de ‘Bosque Navantia’ en Cabo Prior, un proxecto forestal de absorción de dióxido de carbono mediante plantación e mantemento de especies arbóreas autóctonas destinado ao reforzo da diversidade e a loita fronte ao cambio climático. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, anunciou hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, que o goberno local someterá á comisión informativa de Facenda a proposta do convenio, que deberá aprobarse en pleno. 


No marco de dito acordo, o Concello cedería a Navantia por 40 anos cinco parcelas municipais cunha extensión total de arredor de dúas hectáreas na zona de Cabo Prior para repoboar coas especies arbóreas que determinen os expertos. Está previsto que unha vez o pleno da corporación municipal aprobe a iniciativa comece a plantación na primeira campaña, a finais do presente ano. Dito proxecto deberá ser finalmente inscrito como tal na sección segunda do rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. 

O proxecto de absorción implica a creación dunha masa boscosa unha vez alcanzado o período de permanencia dos 40 años e o seu mantemento. A propiedade, plantación e posteriores aproveitamentos da mesma serán do Concello mentres que Navantia dispoñerá das absorcións de CO2. 

A concelleira expresou a súa “satisfacción” pola “estreita colaboración” que existe entre o Concello e Navantia de cara a “sacar adiante” este convenio en materia medioambiental.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar