Novas

venres, 04 de xuño de 2021

O prazo de inscrición para os campamentos de verán do Concello abre o próximo luns

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta na comisión informativa da área de que os urbanos contemplan 210 prazas para xullo e 130 para agosto e desenvolveranse nos ceip de Ponzos e Recimil. Para os do rural ofértanse 60 e 40 prazas respectivamente e terán lugar nos locais socias de Covas e Esmelle


A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta onte na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico do prazo de inscrición para os campamentos municipais que se desenvolverán este verán, que comeza o día 7 e remata o día 11, ás 14 horas. Os interesados poden entregar a documentación no Rexistro Xeral ou enviala de xeito telemático. Pódese consultar toda a información e a documentación requirida no Taboleiro de Anuncios da web municipal https://www.ferrol.gal/, no enlace https://bit.ly/3uToZY5. Tal e como anunciou a concelleira, o Concello oferta para este verán un total de 440 prazas, das que 340 son para a zona urbana —210 prazas en xullo e 130 en agosto— e 100 para o rural —60 para xullo e 40 en agosto—. Os campamentos desenvolveranse de 9.30 a 13.30 horas no horario ordinario e de 8.30 a 14.30 horas no amplo e están dirixidos a menores de entre 3 e 13 anos empadroados no municipio.


Instalacións máis amplas 
Unha das novidades dos campamentos de verán, tal e como lembrou a concelleira Prados, é que no ámbito urbano desenvolveranse nos ceip Ponzos e Recimil, ambos espazos “máis idóneos polo tamaño das súas instalacións, o que facilita o desenvolvemento das actividades seguindo o correcto cumprimento da normativa covid”. No rural terán lugar nos locais das asociacións de veciños de Covas e Esmelle.

Un auxiliar de enfermería que velará polo cumprimento dos protocolos 
Outra das novidades desta convocatoria é que os campamentos contarán coa figura dun auxiliar de enfermería —un para o rural e outro para a zona urbana— que se encargará de facer seguimento da saúde dos menores así como do cumprimento dos protocolos covid estipulados polas autoridades sanitarias co fin de evitar contaxios, como é o caso de lavar as mans con frecuencia, manter a distancia de seguridade e levar posta a máscara protectora. Prados explicou que o Concello “está a facer un importante esforzo para garantir que os campamentos se desenvolvan nas mellores condicións” de seguridade e “velar pola saúde dos menores”. 

Entre as súas funcións estará tamén a de impartir nocións básicas de primeiros auxilios entre os participantes. O fin dos campamentos municipais, explicou a concelleira, “é facilitar a conciliación laboral e familiar ao tempo que promover prácticas saudables”. O persoal complétase cun coordinador de actividades e monitores. 

Celebración do Día Mundial das Habilidades da Xuventude 
Prados tamén trasladou aos grupos da oposición da celebración o próximo 15 de xullo do Día Mundial das Habilidades da Xuventude cunha iniciativa que busca “impulsar entre a mocidade a elección de estudos e profesións sen condicionantes de xénero”, polo que se está a elaborar un cómic dixital como recurso educativo alternativo que a través da viñetas tratará de proporcionar información de cara á elección de estudios ou formación, tal e como detallou a edil, tendo en conta que “percibimos que algunhas profesións teñen pouca demanda feminina, como son as de automoción, carpintería, albanelaría ou soldadura”. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar