Novas

mércores, 02 de xuño de 2021

O Concello celebrará este mes un novo programa de envellecemento activo para maiores de 65 anos co fin de paliar a inactividade motivada pola pandemia

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que o plan municipal programou esta iniciativa tamén para o mes de setembro. Este mes ofértanse 20 prazas e mañá xoves comeza o prazo de inscrición nos números de teléfono 606669021 e 678942901


O Concello celebrará este mes un novo programa de envellecemento activo para maiores de 65 anos co fin de paliar a inactividade motivada pola pandemia

. O Concello de Ferrol vai celebrar este mesmo mes de xuño un novo programa para promover o envellecemento activo dos maiores, ‘Movemos o corazón en Ferrol’, unha iniciativa que nace co propósito de “paliar a inactividade na poboación maior da cidade por mor da pandemia, o colectivo máis afectado pola crise sanitaria, ao tempo que recuperar a súa actividade de forma saudable dinamizando e potenciando o uso dos nosos parques biosaudables”, explicou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero


O programa contempla unha sesión semanal durante os meses de xuño e setembro, de 60 minutos cada unha, e está dirixido a maiores de 65 anos empadroados en Ferrol e que non teñan patoloxía que lles impida realizar os exercicios que inclúe o plan, que desenvolverase ao aire libre nos distintos parques biosaudables da cidade. Cada participante recibirá un chaleco identificativo da actividade promovida polo Concello e unha bolsa mochila provista dunha máscara hixiénica para usar tras a actividade física, unha botella de auga biodegradable e reutilizable, unha peza de froita e outro alimento enerxético. Tamén recibirán unha breve charla nutritiva sobre os alimentos máis recomendables cando se fai exercicio físico. 

Para este mes de xuño o Concello oferta 20 prazas e mañá xoves, 3 de xuño, comeza o prazo de inscrición nos números de teléfono 606669021 e 678942901. A finais de agosto abrirase o prazo para o programa do mes de setembro.

Un abanico de propostas para mellorar a saúde dos maiores   
A concelleira de Benestar Social apuntou que este programa forma parte do plan deseñado polo Concello para potenciar o envellecemento activo dos maiores da cidade, do que forman parte iniciativas como a celebrada nos pasados meses sobre estimulación cognitiva no fogar ‘De momento na casiña’ ou o desenvolvido cos usuarios da residencia de Caranza. “O coidado deste sector da nosa poboación, o seu benestar e a súa calidade de vida son prioritarias para noso goberno, polo que vaimos a seguir poñendo en marcha políticas que favorezan o seu envellecemento activo”.

A edil lembrou que a práctica de exercicio físico “ten moitos beneficios, máis aínda para os maiores”, como a mellora do sistema circulatorio, diminúe as patoloxías crónicas, mellora o equilibro e a concentración, axuda a conciliar o sono, aumenta o optimismo e o bo humor e atrasa o envellecemento.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar