Novas

mércores, 02 de xuño de 2021

Ferrol será a primeira cidade galega en recuperar a actividade das atraccións de feira tras a pandemia

Empresarios do sector da plataforma Emafega aseguran que polo momento non reiniciaron a súa actividade en ningunha outra cidade da comunidade. A comezos da próxima semana volverán a instalarse no Cantón de Molíns, con 10 postos ata setembro


A comezos da próxima semana o Cantón de Molíns volverá a acoller atraccións de feira, con 10 postos ata o mes de setembro. Ferrol será a primeira cidade galega en recuperalas despois da pandemia da covid-19, segundo apuntou a plataforma de empresarios Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (Emafega), que asegura que ata o momento o sector non reiniciou a súa actividade en ningunha outra urbe. O organismo agradeceu ao Concello de Ferrol que lles dea a “oportunidade” de retomar a actividade.


O Concello esixe o cumprimento da orde da consellería de Sanidade 
O Concello autoriza a instalación en Ferrol en base á orde de 28 de maio de 2021 pola que a consellería de Sanidade da Xunta establece as medidas de prevención específicas en atraccións de feira como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na comunidade autónoma de Galicia. Neste senso, sinalizaranse os accesos de entrada e saída ás atraccións, dispensarase xel hidroalcohólico e velarase polo mantemento da distancia de seguridade. Tamén cumprirase co aforo permitido e cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso polas persoas usuarias.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar