Novas

mércores, 02 de xuño de 2021

O Concello recibiu 82 solicitudes á convocatoria municipal para contratar este verán a 57 socorristas

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, apuntou que as praias que contarán con vixilancia serán Caranza, Doniños, A Fragata-O Vilar, San Xurxo, Esmelle, Penencia, Santa Comba-Marmadeiro, Ponzos e A Graña


O Concello recibiu 82 solicitudes á convocatoria municipal para contratar este verán a 57 socorristas

O Concello de Ferrol recibiu un total de 82 solicitudes á convocatoria municipal para contratar este verán a 57 socorristas —12 máis que a convocatoria do pasado verán— para a prestación de labores de vixilancia e salvamento nas praias do termo municipal de Ferrol. Dos 57 postos, un será para coordinador de praias e nove para coordinadores de caseta. A prestación do servizo realizarase entre o 18 de xuño e o 25 de setembro mentres que o coordinador de praias comezará o 14 de xuño. 


Nos próximos días publicarase a listaxe provisional de aspirantes admitidos e excluídos outorgando un prazo de tres días hábiles para subsanar documentación. A resolución publicarase no Taboleiro de Anuncios do Concello e na web municipal. O proceso selectivo constará dunha fase de concurso e outra de oposición, cunha proba en piscina. Tamén se celebrarán probas específicas para os aspirantes a coordinador de praia e de casetas. A principal labor do primeiro será a de organizar ao persoal asignado e planificar quendas e horarios. Será responsable do axeitado uso do equipamento facilitado aos socorristas, de ordenar o mantemento correcto das instalacións de salvamento, da supervisión do servizo nas praias e de actuar como principal interlocutor co Concello.

Pola súa banda, os coordinadores de caseta deberán levar a cabo a organización diaria do persoal propio da caseta en colaboración co coordinador de praias, organizar os grupos de traballo e as tarefas de mantemento de caseta, revisar, distribuír e facer proposta de reposición do material, organizar simulacros e adestramentos, trasladar informes ao coordinador de praias ou ao departamento de Seguridade do Concello, dirixido polo concelleiro Germán Costoya, e organizar o servizo no areal de destino xunto co coordinador de praias e o departamento de Seguridade do Concello. 

As praias que contarán con vixilancia serán Caranza, Doniños, A Fragata-O Vilar, San Xurxo, Esmelle, Penencia, Santa Comba-Marmadeiro, Ponzos e A Graña.

Curso específico da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia 
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e Costoya entregaron onte mesmo os diplomas aos 33 persoas que completaron o Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas, que ofreceu o Concello de Ferrol durante o mes de maio.

Este curso foi o primeiro destas características que convocou o Concello, a través da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA). Ademais de darlles a oportunidade aos participantes de desenvolver o seu traballo ao longo dos meses de verán, paliará a falta de persoas con formación suficiente para desenvolver o traballo de socorrista, un problema que en ocasións xera dificultades aos concellos para cubrir as prazas. Incluíu 65 horas de formación teórica e 80 de prácticas, cun temario no que se abordaron os primeiros auxilios, os labores de vixilancia e a prevención das situacións de risco. Os participantes aprenderon a empregar o material e as técnicas de aproximación, contacto, traslado e extracción de persoas accidentadas, ademais de ferramentas de apoio psicolóxico. A consecución do certificado oficial para o manexo de desfibriladores externos automáticos tamén formaba parte do programa.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar