Novas

martes, 04 de maio de 2021

Un total de 25 pianistas pasan hoxe á segunda ronda do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, indicou que rematará mañá e a terceira celebrarase o día 6. O acceso ás probas ao certame, impulsado polo Concello, se están a desenvolver no Teatro Jofre e o acceso é de balde aínda que é necesario retirar unha entrada no despacho de billetes


Un total de 25 pianistas pasan hoxe á segunda ronda do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol

Concurso Internacional de Piano de Ferrol organizado polo Concello que se está a celebrar na cidade desde o pasado venres inicia hoxe martes a segunda ronda, á que pasan 25 dos 40 pianistas que participaron na primeira. Dos 237 inscritos ao certame deste ano superaron as probas preliminares, que se desenvolveron vía telemática, un total de 70, dos que 30 non puideron achegar á cidade por mor das restricións sanitarias impostas nos diferentes países pola covid-19 así como polas probas que se están a desenvolver nos aeroportos.


Por tanto, dos 40 participantes na primeira ronda, que se desenvolveu os días 1, 2 e 3 de maio, 25 pianistas pasan á segunda, que se celebrará hoxe e mañá, de 10.30 a 14 horas e de 16 a 18 horas. O acceso ás probas é de balde pero é necesario retirar unha entrada no despacho de billetes do Jofre. A terceira ronda terá lugar o día 6, tal e como explicou o concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe.

O día 7, ás 19 horas, tamén no Jofre, terá lugar un concerto a cargo de membros do xurado: Zilberstein, Entremont, Katsaris, Galdo, Douglas, Vásáry, Ortiz, con obras de Chopin, Rachmaninoff, Debussy, Villalobos, Brahms, Liszt e Schubert, entre outras. O día 8, ás 17 horas, o Auditorio Municipal de Ferrol acollerá a Gran Final, a deliberación dos xurados e a entrega de premios e o día 9, ás 19.30 horas, terá lugar tamén no Auditorio Municipal o Concerto Final do certame, coa austríaca Elisabeth Leonskaja, que interpretará ao piano as sonatas Op. 109, 110 e 111 de Ludwig Van Beethoven. 

Piano na rúa 
O Concello se propuxo este ano achegar a música á cidadanía e sacar o concurso á rúa. Proba de elo foi a iniciativa municipal de sacar o piano de cola Yamaha C7 do Teatro Jofre á Praza de Armas para que pianistas e aficionados poidan tocalo. Só o pasado venres arredor de 40 persoas interpretaron algunha peza. O Concello volverá a sacar o instrumento á praza o venres, de 9 a 18 horas, e o sábado, de 9 a 16 horas. Os interesados en tocalo poden anotase no correo electrónico info@ferrolpianocompetition.com ou achegarse ata a praza. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar