Novas

luns, 03 de maio de 2021

Remata a reurbanización do tramo de estrada entre o centro de saúde de Serantes e o cemiterio

O voceiro do goberno local, Julián Reina, explicou esta mañá que nestes días se está a pintar a sinalización horizontal. Esta semana quedará definitivamente reparado o afundimento na rúa Vázquez Cabrera, en Esteiro


Remata a reurbanización do tramo de estrada entre o centro de saúde de Serantes e o cemiterio

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que a reurbanización do tramo de estrada que pasa ante o cemiterio de Serantes está rematada e estes días estase pintando xa a sinalización horizontal. O tamén concelleiro de Urbanismo explicou que o principal obxectivo desta actuación incluída no POS 2018 é “incrementar a seguridade viaria entre a rotonda situada ante o centro de saúde e as dúas entradas ao camposanto e á igrexa”. Para elo, dixo, aumentouse o ancho da calzada, que tiña entre 5,5 e 3,30 metros e carecía de beirarrúas e prazas de estacionamento.


Reina detallou que agora no primeiro tramo hai unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo a calzada chega aos catro metros de ancho e habilitouse tamén un espazo para o tránsito de peóns. Os traballos serviron tamén para renovar as canalizacións de pluviais e saneamento. O importe de adxudicación foi de 181.330,60 euros. 

O voceiro tamén anunciou que entre mañá e o xoves está previsto que se repoña o aglomerado na rúa Vázquez Cabrera, en Esteiro, “co que quedará solucionado un problema que viña de moito tempo atrás”, dixo. Nesa rúa, pegada ao campus, existía un grave problema coas canalizacións que estaba provocando o afundimento da rúa. Arranxáronse os tubos e estendeuse unha capa de formigón. Sobre ela vaise botar o aglomerado. Estes traballos lévaos a cabo Emafesa a demanda do Concello.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar