Novas

martes, 04 de maio de 2021

O Concello iniciará esta semana dous proxectos de acondicionamento no Castelo de San Felipe

Eliminaranse elementos descontextualizados e non orixinais que se foron engadindo co paso dos anos debido ao seu uso militar e que xeran unha afección negativa sobre o monumento, incluíndo a conversión dos aseos en accesibles e a renovación da sinalización ao longo de todo o castelo. Tamén se habilitarán un espazo para a divulgación histórica e cultural na entrada da fortaleza, con mostrador, estantes e material audiovisual para recibir aos visitantes.


O Concello iniciará esta semana dous proxectos de acondicionamento no Castelo de San Felipe

O Concello de Ferrol vai iniciar esta mesma semana dous proxectos no Castelo de San Felipe. Por un lado, varias obras de eliminación de elementos descontextualizados e non orixinais da fortaleza que se foron engadindo ao mesmo co paso dos anos debido ao seu uso militar e que xeran unha afección negativa sobre o monumento, como ladrillo á vista, alicatados descontextualizados de terrazo e baldosa cerámica ou a barra da cantina. Os traballos incluirán unha intervención sobre os aseos públicos da fortaleza que mellore o seu aspecto e funcionalidade así como a súa conversión a baños accesibles, ata agora inexistentes. O proxecto incluirá unha obra de conservación e mantemento da cuberta da sala de Cureñas e dos corpos de garda situados no acceso principal, e tamén recollerá a mellora da sinalización interior do castelo tendo en conta o mal estado dos paneis actuais, tal e como detallaron as responsables municipais das concellerías implicadas nesta iniciativa, a de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. Foi adxudicado por 33.890 euros (sen ive) e o prazo máximo de execución é de dous meses. 

O segundo proxecto que dará comezo esta semana no Castelo de San Felipe é a habilitación dun espazo para a divulgación histórica e cultural da fortaleza a modo de recepción ao público que mellore a experiencia do usuario, e por tanto, axude á transformación da fortaleza nun recurso cultural e turístico, explicou Martínez Montero. Os traballos incluirán a instalación na entrada do castelo dun mostrador de recepción de visitantes rotulado e fabricado en madeira hidrófuga e metacrilato adaptado ás persoas con mobilidade reducida, unha unidade de electricidade con focos led de estilo retro para controlar a iluminación da área de recepción e crear unha atmosfera cálida, estantes para gardar material turístico, como folletos e publicacións, e material para reproducir de forma continua contidos audiovisuais sobre o castelo. Tamén instalarase unha lona exterior para sinalizar a recepción e acondicionarse un espazo con cadeiras para o persoal e un banco de descanso para o público, tal e como explicou a edil. Este proxecto foi adxudicado recentemente por un importe de 14.600 euros (sen ive) e conta tamén cun prazo máximo de execución de dous meses.  

Estes dous proxectos van coincidir con outra intervención que actualmente está a levar a cabo o Concello no Castelo, a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa (Bien de Interese Cultural, máxima categoría de protección del patrimonio cultural), que inclúe a súa adaptación e acondicionamento para o seu novo uso expositivo así como o deseño do contido das dúas mostras que albergarán as dúas plantas da torre. A alta acollerá a mostra ‘A evolución das defensas da ría’ no período comprendido entre os séculos XVIII e XX e a baixa a exposición ‘Evolución do Castelo de San Felipe’, ambas permanentes. 

Por mor de que estas tres intervencións van coincidir no tempo, o Castelo permanecerá pechado ao público entre os días 10 de maio e 15 de xuño como máximo co fin de poder desenvolver gran parte dos traballos sen interromper as visitas, tanto pola propia execución das obras como polo material acumulado no recinto. 

Unha posta a punto de cara ao aumento das visitas durante a tempada de verán
O que pretende o Concello é que “antes do inicio da tempada de verán o Castelo presente a súa mellor cara e notables melloras aínda con moito traballo por facer e algunha importante intervención pendente de aprobación, como a do 1,5% Cultural para a eliminación de humidades, o principal problema da fortificación”, detallou Martínez Montero. A vontade do goberno local “co impulso que estamos a dar a unha das nosas mellores xoias do noso patrimonio”, explicou, “é poñer a punto o Castelo de San Felipe para que estea nas mellores condicións de cara ao aumento das visitas que vaimos a rexistrar na cidade nos próximos meses”.  

A iniciativa forma parte do plan municipal de “recuperar e dinamizar a actividade no castelo co fin de divulgar unha fortificación defensiva no núcleo de San Felipe cuxo orixe data do século XVI”, explicou María Teresa Deus, quen apuntou que se trata dun excelente recurso que “temos que facer chegar tanto aos nosos veciños como ás persoas que nos visitan”. Nesta liña o pasado 1 de abril inaugurouse na Sala Cureñas do castelo a exposición permanente ‘Defensa de Ferrol: A batalla de Brión’, que recolle diversos elementos gráficos e visuais para explicar e poñer en valor os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800.

Tamén acondicionamento do acceso ao castelo
 O Concello de Ferrol vai aproveitar o período que o castelo permanecerá pechado ao público para acondicionar o acceso á fortaleza. Os traballos, que desenvolverá a concellería de Obras e Servizos, da que é titular Ana Lamas, incluirá o arranxo da entrada ao castelo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar