O Concello de Ferrol ten listas as liñas mestras que rexerán a
recuperación do ámbito no que se atopa a vivenda natal de Ricardo Carvallo Calero. O
concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, presentou esta mañá o anteproxecto desta
actuación, elaborado pola Administración local con recursos propios e que dará paso á
contratación do proxecto de execución e, a continuación, dos traballos en si. A
rehabilitación da Casa de Carvalho Calero é unha operación cofinanciable polo Fondo
Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo
Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano
Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, tal e como lembrou Reina
na súa comparecencia.
Segundo o edil, a intención do goberno municipal quere que a Edusi “deixe unha
pegada completa en Ferrol Vello”, da man das actuacións que leva a cabo a Administración autonómica a través do plan Rexurbe. E dentro dese plan, a seguinte
actuación será a reurbanización da rúa de San Francisco, precisamente onde se atopa a
casa de Carvalho Calero. Para Reina, “é necesaria unha aposta clara por evitar que os
espazos se vaian degradando”, como lle ocorreu durante os últimos anos a esa área en
concreto.
O ámbito de actuación definido no anteproxecto comprende cinco inmobles de
propiedade municipal: os números 45, 47, 49 e 51 da rúa San Francisco e o número 14
da praza Vella. Entre todos suman unha superficie construída de 1.163 metros cadrados.
O que ocupaba a casa de Carvalho Calero (San Francisco, 51) é o máis grande, con 528.
A proposta consiste en recuperar aspectos identificables da vivenda, como fachadas con
galerías, cuberta e muros medianeiros, para o que se traballou “en base ao arquivo
fotográfico” do que dispón o Concello, explicou Reina.
No caso dos muros, están desaparecidos nun 80 %, de modo que será necesario
reconstruílos para conservar a estrutura das parcelas dunha forma recoñecible e
recuperar a individualidade das edificacións que había. A idea, dixo o concelleiro, é que
o proxecto consiga unha diferenciación entre os edificios, de acordo coa normativa, pero
que acade tamén certa unidade. Por ese motivo, os redactores destacan que é
indispensable a distinción clara entre elementos novos e elementos recuperados, co fin
de recoñecer a historia dos edificios.
“Temos a intención de que estes inmobles se convertan nun complexo cultural e
de servizos, e entre as posibilidades que hai enriba da mesa figuran unha zona de usos
múltiples, un espazo de co-working, e, por suposto, a Casa Museo de Carvalho Calero,
que marca a propia esencia da rehabilitación”, detallou o edil. De todas formas, precisou,
aínda non está pechada a definición exacta de todos os usos, e non descartou o traslado
dalgún servizo municipal ao inmoble, para que poida servir de “polo de atracción”.
No plano económico, a estimación do custo da obra sitúase lixeiramente por
enriba dos 1,2 millóns de euros máis IVE (case millón e medio en total). A día de hoxe,
segundo avanzou Julián Reina, o departamento de Urbanismo traballa na redacción dos
pregos do proxecto definitivo, tratando de axilizar prazos para licitar as obras canto
antes. “En calquera caso, o horizonte temporal que nos marcamos para a obra é dentro
do prazo que temos para executar a EDUSI, que é o ano 2023”, dixo o concelleiro.