O Concello de Ferrol publicou onte no seu perfil da plataforma
de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica do servizo de
montaxe e desmontaxe de infraestruturas nas praias, cun orzamento base de licitación de
18.528,50 euros (sen impostos). O prazo para presentar ofertas conclúe ás 23.59 horas
do próximo 22 de abril.
O novo contrato inclúe a instalación de casetas de socorrismo, aseos e duchas,
sinais indicativos e carteis, bandeiras azuis, vallas e pasareas e outros elementos de
madeira así como a súa desinstalación dos elementos. En todas as actuacións teranse en
conta disposicións dos órganos competentes, como é o caso da conservación da Píllara
das Dunas, tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos,
Ana Lamas.
A edil anunciou que en canto ás duchas, ademais da súa instalación procederase
ao seu mantemento durante o transcurso da tempada de praias así como á reparación e
reposición de pezas. Tamén colocaranse casetas, e para as de Santa Comba, Ponzos, Esmelle, Doniños, A Graña e Caranza subministraranse ademais tablóns e
confeccionaranse as bases de ditas infraestruturas.
Un total de 72 papeleiras de 120 litros e 44 contedores
O novo contrato inclúe tamén a colocación dun total de 44 contedores: 17 de residuos
sólidos urbano (RSU), 15 amarelos, 4 de vidro, 4 de papel e outros 4 para pilas. Pola súa
banda, a edil detallou que instalaranse 72 papeleiras de 120 litros, das que 36 son de
RSU e outras 36 amarelas.
Un total de 80 sinais e valados nos areais
O contrato contempla a instalación de arredor de 80 sinais e valados repartidos entre os
areais da cidade. En concreto, inclúese 10 paneis que indican o fin da zona vixiada, 13
con información sobre os servizos dispoñibles, 20 que marcarán o espazo reservado
para ambulancias, 10 que prohibirán o paso excepto autorizados, 2 de prohibido
estacionar e 25 vallas que reservarán prazas de estacionamento para persoas con
mobilidade reducida e ambulancias.
Actuación especial na praia da Graña
Na praia da Graña levarase a cabo unha actuación especial co fin de avanzar na
adaptación do areal ás persoas con mobilidade reducida, tal e como sinalou Lamas, que
inclúe a instalación de pasareas e ramplas peonís e aseos adaptados.
O novo servizo tamén inclúe a resolución de incidencias que podan xurdir nas
praias vencelladas coas infraestruturas, como a retirada de elementos perigosos, o
rescate de mobiliario que poda ser desprazado da súa localización pola marea ou por
vandalismo, a sinalización de situacións con risco por vandalismo e pequenas
reparacións de elementos. O material estará instalado a mediados de xuño e procederase
á súa retirada a finais de setembro. O contrato é de un ano prorrogable a dous (1+1),
polo que o valor estimado do contrato é de 37.057,00 euros (sen impostos) para dous
anos. A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, apuntou que “se
trata de dar un paso máis no noso camiño cara a poñer a punto os areais da nosa cidade
para a tempada de verán”.